UN ROTEIRO TERÁ LUGAR NA CORUÑA O SÁBADO 5M

Nas rúas das Irmandades, espazos e protagonistas

Nas rúas das Irmandades, espazos e protagonistas
Roteiro
Roteiro  

Lembrar o lugar onde estivo a editorial Nós ou pasar por diante da casa onde morreu Murguía será posíbel o sábado 5 de marzo grazas á iniciativa da Asociación Socio-Pedagóxico Galega e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.


A conmemoración neste ano do centenario da fundación das Irmandades da Fala trae consigo numerosas iniciativas. Unha delas é a promovida pola Asociación Socio-Pedagóxico Galega e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda ao propor para o vindeiro sábado un roteiro na Coruña que percorrerá algúns lugares vencellados  ás Irmandades.

O punto de partida é a rúa Álvaro Cebreiro, figura moi destacada da vangarda artística galega. Seguirá até o número 36 da rúa Real, onde a editorial Nós, dirixida por Ánxel Casal, tivo os seus talleres. De alí o percorrido vai cara ao Teatro Rosalía de Castro, onde se falará da dramaturxia das Irmandades, e máis tarde á rúa San Agustín, á casa onde morreu Manuel Murguía. Desde esta rúa, o seguinte punto será o Concello para lembrar que Lois Peña foi o primer concelleiro que en 1920 falou en galego. Na mesma praza falarase das Escolas de Insiño Galego, que estaban alí ubicadas, para rematar na rúa Rego de Auga, 38, lugar onde naceron as Irmandades. 

O punto de partida é a rúa Álvaro Cebreiro, figura moi destacada da vangarda artística galega.

O percorrido  comezará ás 17 horas e será guiado pola escritora Mercedes Queixas Zas. Contará ademais coa presenza da cantante Marta Pumares e do artista plástico Xurxo Gómez Chao.

Non é esta a primeira iniciativa que estas entidades poñen en marcha este ano. O pasado 1 de febreiro abriron un espazo web que, como se dun almanaque se tratar, vai día a día anunciando unha efeméride relacionada co período das irmandades.



x