Nebra continúa a lembrar as súas mártires, 102 anos despois

Nebra continúa a lembrar as súas mártires, 102 anos despois
[Imaxe: Paco do Martelo] Monólito de lembranza ás vítimas de Nebra
[Imaxe: Paco do Martelo] Monólito de lembranza ás vítimas de Nebra  

12 de outubro, un día para render homenaxe ás seis vítimas mortais masacradas en Nebra (Porto do Son) pola Garda Civil cando se manifestaban contra un gravame inxusto e abusivo.  Esta sexta feira o local veciñal de Nebra acolle a presentación do monográfico editado por Sermos Galiza S.A. 'Rebeldía Galega contra a inxustiza'.


Era 12 de outubro de 1916 cando un grupo de veciños e veciñas de Nebra (Porto do Son) erguían a súa voz nun protesto na ponte de Cans para botaren abaixo un imposto que lastraba a súa actividade agraria e que fora ordenado polo alcalde para saldar o déficit nas contas de 1915.

Ese día, uns 300 veciños e veciñas mobilizábanse pacificamente contra o embargo dunha vaca a un veciño polo impago do tributo especial. A Garda Civil disparou indiscriminadamente contra a masa. Resultaron feridas de bala 32 persoas e faleceron Francisca Carou, Ramona Suárez Pouso, Generosa Cadórniga, Rosa Cadórniga Maneira e Antonio Sobrado Luaces.

O protesto na ponte de Cans non era a primeira mostra de rexeitamento do tributo por parte da veciñanza. De feito, a Liga Agraria de Nebra convocara reunións e concentracións en abril de 1916, unhas mobilizacións que tiveron continuidade até o fatídico 12 de outubro. Ao longo deses meses, todas as peticións dos veciños e veciñas foran desatendidas polo Goberno local.

Actos de homenaxe

102 anos despois, continúan os homenaxes ás vítimas daquela masacre e lembrar a revolta agraria. O BNG organiza, ás 18:00 horas, unha ofrenda floral no monolito á memoria das vítimas, en Ponte de Cans.

Ás 19 horas terá lugar unha ofrenda floral na ponte de Cans. Organizan familiares e amigos das Mártires de Cans e colabora a Comunidade de Montes de Nebra.    

Con motivo do 102 aniversario, esta sexta feira, día 12, o local veciñal de Nebra acolle a presentación do monográfico editado por Sermos Galiza S.A. 'Rebeldía Galega contra a inxustiza' Intervirán Patricia Torrado Queiruga (autora do ensaio Mulleres en loita a comezos do século XX), Roberto Vilameá Ponte (membro do Consello de Administración de Sermos Galiza) e Francisco Rodríguez Sánchez (coautor do monográfico).



x