CARLOS BABÍO, INVESTIGADOR

“Non teño nada que conciliar cos Franco”

“Non teño nada que conciliar cos Franco”

O investigador Carlos Babío, coautor do libro Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, foi denunciado polos netos e netas do ditador Francisco Franco por inxurias e calumnias. Estaba citado para un acto de conciliación na mañá da segunda feira nun xulgado de Madrid. Non acudiu. Explícalle as razóns a Sermos Galiza.


O Xulgado de 1ª instancia número 44 de Madrid contaba con acoller ás 10 horas desta segunda feira un acto de conciliación pola denuncia interposta polos herdeiros do ditador Francisco Franco contra Carlos Babío, coautor do libro Meiras. Un pazo, un caudillo, un espolio. Finalmente, ficou suspendido. O investigador negouse a acudir, “eu non teño nada que conciliar cos Franco”, sinala en conversa con Sermos Galiza.

Babío, ex concelleiro do BNG en Sada e integrante da candidatura nacionalista ás eleccións municipais de maio, foi demandado xunto ás persoas que participaron no programa En el punto de mira, emitido pola cadea Cuatro en xullo de 2017 e que se dedicou a investigar a orixe do patrimonio e herdanza da familia Franco.

“Pídenme que me retracte das inxurias e calumnias que entenden que proferín, mais nada máis lonxe. Ratifícome en todo o que dixen”, salienta Babío, quen asegura que segue a traballar “para resgatar a memoria”.

Novo libro

Adiántalle a Sermos Galiza a publicación dunha nova obra sobre o pazo de Meirás, “afondaremos moito máis na época dos 36 veráns que pasou o ditador en Sada, o período que vai do ano 39 ao 75”. A nova publicación, afirma, explicará “por que en 1979 o pazo remata en mans da familia Franco, cando tiña que pasar a formar parte do patrimonio nacional, ao sufragar todos os gastos que se produciron alí”. “Daremos conta de por que Meirás non pasou a mans do Estado como si pasou o Palacio de El Pardo, por exemplo”, conclúe o investigador.

A partir das súas investigacións, condensadas no primeiro dos libros, tanto a Deputación da Coruña como o Parlamento de Galiza abriron dúas investigacións que remataron en sendos informes solicitando ao Estado español que interveña no espolio pola vía xudicial para recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público.