O GALO E O CONCELLO DE SANTIAGO EDITAN UN VOLUME COLECTIVO SOBRE O PANTEÓN REAL

Onde repousan os Reis da Galiza

Onde repousan os Reis da Galiza
Sartego de Afonso VIII no Panteón Real da Catedral de Santiago. Foto: cedida.
Sartego de Afonso VIII no Panteón Real da Catedral de Santiago. Foto: cedida.  

Reivindicar “un símbolo da Terra” que “conxuga particularidades do patrimonio material e inmaterial” da Galiza é o declarado obxectivo do libro colectivo sobre o Panteón Real que vén de publicar o Concello de Compostela baixo a coordinación da asociación cultural O Galo. Cinco autoras e un poema de Otero Pedrayo conforman o volume.


“Durme a raíña Berenguela / na pas da capela rial. / Máis que de esposa son de noiva / a linda toca i o brial”, escribiu o intelectual galeguista. Berenguela ocupa un dos sete sartegos do Panteón Real da Catedral de Santiago; noutros dous repousan os reis da Galiza Fernando II e Afonso VIII. “Constituído de forma oficiosa por Fernando II mediante un privilexio asinado o 26 de xullo de 1180 en Benavente”, relata Ramón Yzquierdo, do museo catedralicio, “nel, o monarca deixaba establecido, entre outras concesións á Igrexa, que alí desexaba establecer o seu lugar de enterramento e o dos seus sucesores”.

As relacións entre Igrexa e monarquía son chave para a comprensión do panteón. O historiador Anselmo López Carreira escribe nun dos ensaios da obra: “Xelmírez (primeiro arcebispo compostelán, dese 1120) acometera o propósito de converter a cidade nun dos centros principais da cristiandade, e non escatimou medios”. Para iso, “mediante o pio latrocinio”, apropiouse das reliquias de catedral de Braga -e eliminou competencia-, que se sumaron a novas reliquias de categoría rexia.SONY DSC

“Naquel momento as poderosas institucións eclesiásticas reforzaban o seu papel na consolidación de estrutura política”, engade López Carreira. Nesa idea inscríbese a creación do  panteón, entende. Que acolle os sepulcros de Fernando II, Fernando Afonso, Berenguela, Afonso VIII -no século XIII-, Xoana de Castro -no XIV- e Pedro Froilaz de Traba, este trasladado ás dependencias en 1926.

O Panteón Real promovido polo Galo inclúe ademais unha breve Introdución de contexto histórico a cargo das historiadoras María del Pilar Rodríguez Suárez e Mercedes Vázquez Bertomeu e o artigo Imaxes e narrativas para unha autorrepresentación, do director do Museo do Pobo Galego Manuel Vilar.

“O locus da memoria histórica non é o pasado, senón o presente e o futuro”, considera Vilar, e lembra como foi O Galo a agrupación que pulou por rescatar do esquecemento e resignificar a antes denominada Capela das Reliquias: “[A asociación esixiu que] fora aberto ao público e deixara de ser usado como cuarto dos trastes, como un rocho no que depositar as cousas que non tiñan un uso cotiá nos rituais e cerimonias que se facían na catedral compostelá [...] a campaña tivo éxito porque o Panteón Real foi aberto e forma parte do circuíto de visitas do museo da Catedral”.

“Para acernar a identidade dun pobo non cómpre minusvalorar as distintas expresións da súa cultura, nin minimizar o valor de uso e rendibilidade do seu idioma, nin tampouco precisa deturpar a súa historia”, escriben desde O Galo na Presentación do libro, “e o Panteón Real érguese como un dos nosos máis expresivos e significativos bens patrimoniais”.

Nota: na imaxe, de esquerda a dereita, a integrante do Galo Mercedes Espiño, a ex concelleira de Cultura de Compostela Branca Novoneyra e a tamén membro do Galo Esperanza Delgado na presentación do libro sobre O Panteón Real.