A GALIZA IGNORADA

Orosio, o grande historiador do século V

Orosio, o grande historiador do século V
[Imaxe: SG] Tumba de Agostiño de Hipona, amigo de Orosio
[Imaxe: SG] Tumba de Agostiño de Hipona, amigo de Orosio  

Fai parte daquela xeración de ouro que alumeou o espertar cultural galego nas centurias do baixo Imperio. A obra teolóxica e histórica de Paulo Orosio ocupa un lugar central en toda a produción cultural do mundo coñecido do século V mantendo a súa influencia até os nosos días. Estamos, ao fin, diante doutro xigante que pariu Galiza e que modelou o pensamento a cultura Europea desde aquelas.


miniÉ un dos grandes vultos daquela xeración de xigantes que impulsaron o noso espertar cultural nos albores da Idade Antiga. Primeiro, Prisciliano, á cabeza dun grande movemento popular que apostaba por un cristianismo desligado do poder, axeitado á realidade do país, comprometido cos sectores máis desfavorecidos, significado coa causa das mulleres e que morreu decapitado en Treveris no ano 385. Despois Exeria, a galega viaxeira a percorrer o mundo de occidente até oriente a visitar Exipto, Xerico, Xerusalén… para deixarnos testemuños nunhas cartas ás irmás que a agardaban na Galiza. Tamén Idacio, o galego da Limia e bispo de Chaves, martelo de priscilianistas, inimigo dos suevos asentados na Galiza e escritor da máis importante historia da península dos tempos iniciais da Idade Media. E por suposto, os Avitos, aqueles monxes viaxeiros de Braga e Baquiario, o pensador exiliado, a viaxar Occidente, África e Oriente para erguer o monacato e sempre Exeria.

O desenvolvemento cultural da Galiza nas centurias finais da Idade Antiga obrigan a unha revisión do papel do noso país naquel tempo histórico. A floración dunha xeración de intelectuais nados e formados na Galiza como a que vimos de referir só se explica nun contexto de relativo progreso material, favorecido no caso galaico pola crise que se abre no imperio romano á volta do século III. As consecuencias desta convulsión serán desiguais nas diferentes partes do imperio até o punto de que unha parte da historiografía está a revisar a tradicional visión negativa do momento, sinalando a dinámica positiva que se constata naquelas zonas máis desligadas do centro.

A debilidade do poder central provocou toda unha serie de transformacións estruturais con consecuencias positivas para o conxunto da área galega, da que son unha expresión o maior espallamento das “villae” e a súa nova función como centros económicos non orientados cara á exportación, cunha tendencia a iren criando o seu propio espazo xurisdicional que se vai evadindo do control imperial e gañan independencia.

A biografía de Paulo Orosio segue chea de dúbidas. Sabemos que se criou e se formou na Galiza, onde con case total seguridade naceu. Porén descoñecemos a súa data de nacemento, aínda que a maioría dos autores, seguindo a Santo Agostiño de Hipona, a sitúan entre o 375 e o 385. Membro dunha familia da oligarquía local máis romanizada, permaneceu en Braga até arredor do ano 414, dislocándose nesa data ao encontro con Santo Agostiño na cidade africana de Hipona, na actual Alxeria.

[Podes ler o texto íntegro no número 339 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]