HISTORIA

Os irmandiños bercianos

Os irmandiños bercianos
[Imaxe: Cedida]
[Imaxe: Cedida]  

Pescudamos na revolta irmandiña nos territorios estremeiros do Bierzo da man de Javier Lago Mestre, licenciado en Historia Moderna pola Universidade de Salamanca, que vén de participar no ciclo de conferencias “Economia, História e Realidade Social” organizada pola Asociación Cultural O Facho da Coruña. Eis un extracto do texto, publicado no número 332 de Sermos Galiza.


7Cómpre comezar co estudo do contexto señorial no Bierzo. Don Pedro Osorio tiña o señorío berciano da Cabreira, logo consegue do rei Enrique IV o condado de Lemos (1456). E tras seu casamento con Beatriz de Castro controla as vilas de Ponferrada e Vilafranca. O conde de Lemos señoreaba O Bierzo. Así mesmo os vasalos da súa muller queixábanse dos seus abusos, “ciertos vasallos de Ponferrada fueron a quexar a la dicha doña Veatriz porque el conde don Pedro les fatigaba mucho labrando la dicha fortaleza (de Ponferrada)”. Tamén collía vasalos alleos cando lle petaba, “conocio al dicho conde ser ombre muy poderoso e mandava e señoreava toda esta provincia del Vierzo e vido que para haser la fortaleza de la villa de Ponferrada traya los ombres de las abadyas, asy como de San Pedro de Montes e de santa Marya de Carrazedo e de Sant Andres de La Espinareda, e los traya para la dicha fortaleza e les mandaba como a sus vasallos” (preito de 1517).

As primeiras referencias aos irmandiños bercianos son da zona de Ancares. Aquí os vasalos do mosteiro de Espiñareda claman contra os abusos desde o castelo. “La dicha casa e castillo de Ancares que mas estava e esteviera para dapno e destroiçion de la terra que non para defension ni provecho. Et lo que levaron los otros que tovieran la casa que fuera levado por forçia et contral derecho” (febreiro de 1467).

Ante os abusos señoriais os vasalos deciden organizarse en irmandade. O mosteiro pretende neutralizar esa irmandade berciana. “Estando el concejo, juez e omes buenos de terra de San Andrés d´Espinareada, paresçio don Ares, abbad del dicho monasterio de Sant Andrés, et dixo que como mejor podía e devia como señor de la dicha terra requeria et defendia a los dichos consejo e omes buenos que non entrasen en la hermandad sin su licencia e que presto era de faser e dar licençia para todas las cosas que fuesen servisyo de Dios, e de nuestro senor el rey et de su monasterio e del señor conde de Lemos” (xaneiro de 1467).

Sobre as actividades bélicas dos irmandiños sabemos da entrada de dúas columnas galegas. Polo porto do Cebreiro descenderon os labregos, vilegos e fidalgos co capitán Pedro Osorio, e por Valdeorras subiron os seguidores do capitán Alonso de Lanzós. Os primeiros ataques foron contra os castelos de Valboa, Serracín e Corullón. E polo Sul derrubaron os castelos de Pena Ramiro, Lusio e Cornatelo. As dúas frontes xuntáronse ante a fortaleza de Ponferrada de onde expulsaron o conde de Lemos.

[Podes ler o texto íntegro no número 332 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x