Os templarios na Galiza

Os templarios na Galiza
Cruz de orixe templaria na igrexa de Santa María de Azougue en Betanzos.
Cruz de orixe templaria na igrexa de Santa María de Azougue en Betanzos.  

A sección creada por Sermos Galiza para divulgar a nosa historia á marxe de visións estereotipadas e interesadas céntrase desta vez na presenza dos templarios no país. Eis un extracto da peza que publicamos no número 318 de Sermos Galiza.


8A pegada da Orde do Templo segue presente na Galiza. Castelos como o de Ponferrada, topónimos en Cambre, lendas nas Mariñas pero tamén localidades como O Temple, O Burgo, San Sadurniño, Betanzos, San Xiao de Lendo, San Fiz do Ermo, Santa María de Neira, San Pedro de Canaval, Amoeiro ou Coia.

A orde do templo fundouse en Xerusalén arredor de 1119 e 1120, impulsada polo cabaleiro francés Hugo de Payens, co obxectivo de protexer os peregrinos occidentais que chegaban a terra santa após a primeira cruzada. Será a primeira iniciativa histórica de creación dunha orde de monxes soldado cuxo aparecemento significará unha profunda reforma no monacato, dado que os relixiosos naquel tempo non tiñan autorizado portar armas. Porén, o seu salto a Europa non se producirá até 1127, tardando dous anos máis en ser recoñecida oficialmente polo papado, tras a celebración do Concilio de Troyes, debido, fundamentalmente, á iniciación na orde de importantes cabaleiros franceses, entre eles os condes de Anjou e de Champagne, e o apoio decisivo de Bernardo de Claraval, o grande impulsor da reforma cisterciense.

Os primeiros contactos dos templarios coa área galega-portuguesa son anteriores á propia legalización da orde. Segundo sinala Carlos Pereira Martínez, o máximo especialista do tema entre nós, citando o Cartulario da Orde do Templo, á volta de 1128 a raíña Tareixa de Portugal, a súa parella Fernán Pérez de Traba e outros nobres galegos e portugueses fixeron doazóns á Orde do Templo de diversos bens da súa propiedade situados en Portugal e Galiza. Así, entre estes últimos atopamos territorios en San Paio de Veiga, na comarca de Celanova, en Amio, Céltigos ou O Salnés, lugares, que tempo despois continuarán ligados á orde. Será precisamente nese mesmo ano cando Tareixa de Portugal entregue aos templarios toda unha serie de terreos na zona de Leiría e Coimbra, entre elas o castelo de Soure, considerado durante moito tempo a primeira propiedade da orde na península, cuxo dono anteriormente foi o propio Fernán Pérez de Traba.

[Podes ler a peza íntegra no número 318 de Sermos Galiza, á venda nos quiosques e na loxa]



x