Pardo de Cela, un rebelde galego do século XV

Pardo de Cela, un rebelde galego do século XV
Pardo de Cela
Pardo de Cela  

Máis de 1500 galegos víronse obrigados a exiliarse en Portugal e Bretaña por opoñerse a política centralizadora dos Reis Católicos. O 17 de decembro de 1483 -outras fontes citan o 3 de outubro- era decapitado en Mondoñedo Pardo de Cela.


Foi un dos tres grandes Pedros da revolta galega de finais do século XV. Máis un Pedro, como o Conde Camiña, Pedro Álvarez de Soutomaior, o “Pedro Madruga”, cabeza dos intereses da Raíña Xoana e do partido portugués na guerra de sucesión e referencia da oposición aos Reis Católicos na Galiza do sur e que despois dun exilio portugués será asasinado ou desaparecido en 1486 no Castelo de Alba de Tormes en Salamanca. Un outro Pedro, o Conde de Lemos, Pedro Álvarez Osorio, o principal entre os rebeldes galegos, morto en pleno alzamento contra dos Reis Católicos en febreiro de 1483 e a continualo, na dignidade e na loita, o seu neto Rodrigo Enríquez de Castro, o conde novo, a resistir a Isabel e Fernando en Ponferrada até 1486. O asasinato, a morte e o exilio destes catro rebeldes galegos exemplifican o proceso de substitución das clases dirixentes autóctonas, proceso iniciado por volta de 1230, co desterro e exilio daqueles que se opuxeron á unificación do Reino de Galiza co de Castela defendendo a causa de Dona Sancha fronte a Fernando III, o rei alleo, e que vivirá o seu momento álxido nas décadas finais do século XIV, con aqueles setecentos desterrados por Portugal, Franza e Inglaterra, a cuxa cabeza Fernando de Castro e Xoán Andeiro, defendendo unha Galiza cun papel reitor no contexto ibérico, virada de costas a Castela e abrazada ás nacións do Atlántico naquela Europa da guerra dos cen anos. A frustración da segunda revolta irmandiña, a derrota da nobreza galega e a consolidación do estado moderno, segundo escribiu Xosé Manuel Beiras no Atraso económico de Galiza, representa o fracaso da transición alén do feudalismo e a morte política de Galiza.

A vida de Pedro Pardo de Cela exemplifica a oposición dunha parte importante da sociedade galega á política centralizadora dos Reis Católicos

A vida de Pedro Pardo de Cela exemplifica a oposición dunha parte importante da sociedade galega á política centralizadora dos Reis Católicos. Irmandiño de primeira hora, como documentou Anselmo López Carreira exerceu de Alcalde de Viveiro nos primeiros momentos da Irmandade, aparece en outubro de 1477 asinando,  canda outros nobres galegos, unha declaración contra as medidas asimilacionistas de Isabel e Fernando. Enfrontado a Santa Irmandade, auténtico exercito colonial enviado a Galiza para impoñer a política dos Reis Católicos, acude ao cerco de Lugo en auxilio de Pedro Álvarez Osorio que combatía na cidade contra Fernando de Acuña. Á volta de 1481, e practicamente até o seu asasinato en 1483, permanece cercado  no seu Castelo da Frouxeira, mantendo combate contra unhas forzas mercenarias, de composición castelá e francesa, comandadas polo bretón Luís de Mudarra que tiña levantado o seu campamento en San Martiño de Mondoñedo, nas proximidades da torre fortaleza do Mariscal. A loita de Pedro Pardo de Cela, unha vez asasinado, vai ter continuidade coa súa filla Constanza e Beatriz. A primeira refuxiada na fortaleza de Caldaloba, na parroquia chairega de San Martiño de Pino, resistiría ás tropas castelás mandadas por Diego López de Haro até 1485, ano no que morre envenenada, resultando na altura tamén ferido o seu compañeiro Fernán Ares de Saavedra. Beatriz, canda a súa parella, Pedro de Bolaño, que acudiu a loitar a Ponferrada xunto a Rodrigo Enríquez de Castro, o Conde de Lemos,  contra os Reis Católicos en 1486, manterá a memoria da rebeldía nos múltiples frontes xudiciais abertos contra a monarquía. A natureza e a dimensión da rebeldía galega fronte aos Reis Católicos fica perfectamente explicada, co exilio a Portugal e Bretaña de máis de mil cincocentos galegos nesa décadas dos oitenta do século XV, tal como estudou un autor nada sospeitoso de veleidades nacionalistas como  Xosé García Oro.

O Reino de Galiza vai desaparecer como realidade política, non administrativa, nos anos finais do século XV

A morte de Pedro Pardo de Cela, fose está o 17 de Decembro de 1483, como indica a tradición e a documentación clásica, ou nos primeiros días de Outubro dese 1483, segundo achega a información de Xosé Carlos Breixo ou Eduardo Pardo de Guevara, explicase no marco dunha guerra colonial de conquista. Así Xosé García Oro, no seu detallado estudo sobre a Galiza dos séculos XIV e XV, fala de que esta produciuse no marco dunha sorte de lei marcial, cuestión que se deduce tamén das declaracións das propias testemuñas do suposto testamento do Mariscal. Sexa como for, a  acción gobernativa da Santa Irmandade e de Fernando de Acuña, cuñado do  inimigo de Pardo de Cela Xoán de Viveiro e  irmán da madriña de voda  dos Reis Católicos María de Acuña que opera como un autentico Virrei, responde a unha axenda colonizadora que será avalada coas propias decisións dos monarcas.

O “proceso de doma” de Galiza afecta a totalidade das esferas da vida do País, ben no ámbito cultural e lingüístico, no ámbito económico ou no ámbito político. O galego que viña operando como lingua oficial na documentación escrita desde o século XIII, amplamente maioritaria ao longo dos séculos XIV e XV, só resistira uns lustros despois de que os Reis Católicas obrigasen en 1480 aos notarios a examinarse na Corte de Toledo. Os contratos agrarios, e por conseguinte a relación entre os labregos e os señores, endurécese nos anos finais do século XV como estudou María Xosé Rodríguez Galdo, ao tempo que se establece unha nova fiscalidade que da comezo ao espolio de Galiza e ao drenaxe do aforro. Un aspecto central deste proceso é a desnaturalización dos mosteiros galegos, de cuxo poderío económico dan conta os seus edificios, subxugados a unha lexislación especial dentro da Coroa de Castela, e  sometidos a Orde de San Bieito de Valladolid após unha decisión real de decembro de 1487.

Cando en toda Europa botaban a andar os estados modernos, Galiza fica fanada, frustrada,  inerme ante a expansión de Castela

O Reino de Galiza vai desaparecer como realidade política, non administrativa, nos anos finais do século XV. Galiza, a única nación entre as que foron provincias romanas que garda o seu nome titulando unha función político- institucional desde hai dous mil anos, conformará o primeiro reino medieval de Europa a comezos do século V, operando como realidade diferenciada entre finais do século VI e o inicio do século VII unha vez integrada na monarquía goda, posto que  a coroa goda recoñecía tres nacionalidade diferentes, “Hispaniae, Gallie et Gallecie”, formando posteriormente a primeira realidade política cristiá da Península, manterá a súa independencia até o século XV, se ben desde mediados do século XIII inicia un devalo como nación ceibe a consecuencia da presión anexionista de Castela. Así, cando en toda Europa botaban a andar os estados modernos, Galiza fica fanada, frustrada,  inerme ante a expansión de Castela e presa na roda colonial. A día de hoxe, salvo honrosas e escasas excepcións, a historiografía xa non só se nega a analizar o proceso que viviu o País nese momento, senón que pola vía do silencio, agocha, anula e despreza a súa relevancia histórica. É a vella ladaíña da  historiografía dominante que expulsa da historia aquilo que impugna o relato hexemónico e que arromba do debate o que non atopa encaixe  no statu quo actual.