Pintadas no monumento á memoria de Marín un día despois dun acto de exaltación fascista

Pintadas no monumento á memoria de Marín un día despois dun acto de exaltación fascista
Monumento na Cruz de Maceira (Santos)
Monumento na Cruz de Maceira (Santos)  

"Los perdedores fuera de España", bandeira española e águia imperial. Así apareceu o monumento á memoria na Cruz de Maceira, no día despois da celebración dun acto fascista en Marín.


O monumento á memoria das persoas represaliadas do Morrazo na Cruz de Maceira apareceu esta terza feira pintado coa bandeira española e a aguia imperial e a lenda “los perdedores fuera de España”. As pintadas foron realizadas o día despois da celebración dun acto de exaltación falanxista na Igrexa vella de Marín. 

Na madrugada da segunda á terza feira é cando a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín sitúa a realización das pintadas fascistas no monumento aos represaliados da comarca na Cruz de Maceira. Non é a primeira vez que este espazo de referencia da memoria na comarca do Morrazo aparece agraviado por intervencións fascistas xa que o pasado ano outra aguia imperial amencía na grande pedra na que se lembra ás persoas represaliadas no lugar. A pintada desta semana, unha bandeira española a cores na que se estampou de novo a aguia imperial e a lenda “los perdedores fuera de España” acontece xusto no día seguinte da celebración dun acto de exaltación falanxista no adro da Igrexa vella, no que aínda se mantén a lembranza en pedra a José Antonio Primo de Ribera. 

Segundo ataque

“A do pasado ano foi menos agresivo que esta nova. Daquela o concello reparouno e en abril fixemos o acto anual da memoria da comarca. Por esa zona hai uns transformadores coas paredes cheas de frases fascistas”, explica Enriqueta Otero, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín, que xa presentaron a denuncia na policía e esixen unha investigación para esclarecer os feitos. 

Canda o Pozo da Revolta, a Cruz de Maceira é un lugar central para a memoria da comarca do Morrazo. “Alí fixéronse asasinatos e levábase á xente para lle dar malleiras e deixala tirada. Se preguntades a calquera persoa da comarca situaría a Cruz de Maceira e o Pozo da Revolta como os escenarios da represión”, afirma Enriqueta Otero ao tempo que lamenta que se sigan consentido actos de exaltación fascista como o que se desenvolveu o pasado domingo en Marín. “A Igrexa tense tamén que dar conta do que significa permitir estas celebracións. Non se lle deu importancia á homenaxe do domingo”, comenta. 

Na Cruz de Maceira xa non se pode ler a lenda esculpida na grande pedra que homenaxea aos represalidados no lugar. Canda a lembranza, no monumento escribiuse un poema de Celso Emilio Ferreiro que di “"Pode o corpo ser vencido/ pode o dereito ser torto / mais o lume que alampea / máis o lume que alampea / xamais o veredes morto" e que agora fica tamén oculto pola bandeira española e a aguia imperial. A veciñanza de Marín, Vilaboa, Cangas, Moaña e Bueu participara na inauguración do monumento en abril de 2012 no espazo que garda a memoria da represión na comarca.