Pitusín, as bolachas de Miss España; por Xoán Costa

Pitusín, as bolachas de Miss España; por Xoán Costa
Fábrica de bolachas La Peninsular, Tui
Fábrica de bolachas La Peninsular, Tui  

O editorial Defendamos a nosa economía publicado no número 332 de vinte de maio de 1934 polo semanario A Nosa Terra ofrecía unha listaxe de produtos galegos e exhortaba a consumilos. Enumera diversos artigos xenéricos (conservas, viños, mobles, augas ...) mais inclúe tamén marcas, só tres: Galletas A Peninsular de Tui, xabóns e cremas para o afeitado da Toxa e bicicletas Honra, fabricadas en Santiago desde a década de 1920 por Honorino Méndez.

En 1933 a fábrica de galletas de Tui, nacida en 1913 da man de João Bento de Oliveira, un lisboeta que mudou o Tejo polo Minho despois de ter gañado moito diñeiro no Brasil,  aproveita a popularidade que confería o título de Miss España e dá un paso máis na súa promoción, especialmente fronte á súa competidora “Chiquilín” incorporando a imaxe de Emilia Docet, elexida había pouco Miss España e na altura claramente comprometida co Partido Galeguista e con todo o que tiver a ver coa promoción de Galiza, na publicidade das galletas  Pitusín.

Sen titulo

Sobre a súa fotografía, e escrito coa letra da propia Docet, figura o seguinte texto:

“Gústanme moitas cousas que calo, e algunhas outras que dixen, mais o que me confeso, para non arrepentirme, é que a galleta Pitusín da Peninsular cáusame tanta satisfacción como o título de Miss España”

Toda unha declaración de apoio aos nosos produtos por parte dunha muller que sempre utilizou o título para promocionar Galiza.