ENSINO

Que a planta creza sa e no seu rego

Que a planta creza sa e no seu rego
[Imaxe cedida por Jesús Manuel García]
[Imaxe cedida por Jesús Manuel García]  

O franquismo depurou máis de dúas mil mestras e mestres republicanos nos concellos coruñeses e castigou unha cuarta parte deles. Foron expulsados, trasladadas ou suspendidos durante meses ou anos. Todo o corpo docente sufriu un proceso que empezou no 36 e continuou nos anos corenta. Unha tese doutoral explica o proceso de destrución da escola para instaurar un modelo “que educará as novas xeracións no tradicionalismo e no autoritarismo”. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 272.


2“Primeiro foron polos cargos políticos, sindicais e militares. Despois tiñan que ser as mestras e mestres. Tiñan que ir pola escola porque alí crecen as plantas e crecerían xa no seu rego e sas. O máis urxente é sempre o primeiro nivel do sistema educativo… a represión do franquismo contra a súa propia poboación, segundo as persoas expertas que a analizaron, foi peor que a de Hitler ou Mussolini. No 39 rematou a guerra das armas, pero até 1975 continuou a represión para espallar o medo”, conta Jesús Manuel García Díaz (Petín de Valdeorras, 1966), xornalista e historiador, que vén de presentar unha tese doutoral pioneira na Galiza dirixida polo profesor Julio Prada na Universidade de Vigo, a primeira sobre a depuración no ensino nos concellos coruñeses polas forzas golpistas de 1936, un traballo profuso sobre o proceso de eliminación da escola republicana que presenta os casos de máis de 2 mil mestras e mestres que foron investigados nos concellos coruñeses e debulla a represión a través dunha base con máis de 200 mil datos tirados dos expedientes, recursos e ditames das instancias que creou o novo Estado para impoñer un ensino “tradicional, católico e patriótico”.

“A Igrexa e o Exército eran as dúas grandes institucións do Estado e aos bispos non lles foi difícil identificar o núcleo do discurso militar co seu propio discurso”, explica García Díaz. “Decídese que a educación debe inculcar un forte espírito nacional mediante unha disciplina rigorosa e unha estrita moral católica nas aulas. Entón necesitan un profesorado que penetre ‘en los ricos y fecundos filones de la hispanidad, estudiando a fondo el alma de España’, e de inmediato empezan a depurar o corpo de docentes”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 272, á venda na loxa e nos quiosques]