Pontevedra homenaxea os seis veciños que estiveron presos en campos de concentración nazis

Pontevedra homenaxea os seis veciños que estiveron presos en campos de concentración nazis
Manuel Perez Taboada. De Santa María de Xeve, Internárono no campo de Neuengamme. Foi liberado en 1945.
Manuel Perez Taboada. De Santa María de Xeve, Internárono no campo de Neuengamme. Foi liberado en 1945.  

Será este sábado, nas ruínas de San Domingos. Manuel Coto, Urbano Sanmartín, Antonio Gómez, Claudio Tizón, Macario Cortegoso (Julio) e Manuel P. Taboada estiveron en campos como Mauthausen, Gusen ou Neuengamme. Só Cortegoso e Taboada sobreviviron.


Un total de 179 galegos e galegas pasaron polos campos de concentración nazis. Entre eles había seis nacidos en Pontevedra. Os pontevedreses, como tantos outros, fuxiran da barbarie fascista cara a Francia. Alí enroláronse ben no exército francés, ben na resistencia e acabaron sendo detidos e traslados a campos nazis. Son dados da International Trancing Service (ITS), un centro internacional de documentación, información e investigación sobre a represión nazi.

Manuel Coto Martínez, Urbano Sanmartín Abilleira, Antonio Gómez Torres, Claudio Tizón Vázquez, Macario Cortegoso Rodríguez (Julio) e Manuel Pérez Taboada son os nomes dos seis veciños do Concello de Pontevedra que, segundo as listaxes oficiais, foron confinados nos campos de concentración nazis. Só Cortegoso e Pérez Taboada sobreviviron a aquel horror. O Concello de Pontevedra réndelles unha homenaxe este sábado, ás 12.30 horas, nun acto nas Ruínas de San Domingos.

O Concello de Pontevedra lembra que leva anos traballando na memoria da represión, e dun xeito especial na memoria das mulleres, e o dos pontevedreses nos campos nazis era “unha materia pendente”, sinalou Luis Bará, concelleiro de Patrimonio Histórico. A investigación acelerouse o pasado ano cando desde Alemaña contactan coa familia de Manuel Pérez Taboada para lle devolver dous aneis do home que lle foran requisados pola SS cando entrara no campo de Neuengamme. O seu nome estaba na listaxe oficial da ITS -onde tamén aparecen os outros cinco pontevedreses vítimas dos campos nazis- e grazas a investigación posterior púidose reconstruír trazos da súa biografía. Chegara a Neuengamme dende Francia.

No acto de homenaxe intervirá o historiador Xosé Álvarez Castro; a xornalista Montse Fajardo, que fixo un traballo complementario de memoria oral, de recuperación da memoria familiar deste homes; un familiar de Pérez Taboada en representación das vítimas e o alcalde Miguel Fernández Lores. A música de Marcelo Dobode arroupará o acto de homenaxe.

Os homenaxeados:

Manuel Coto Martínez, veciño de Marcón. Morto no campo de Gusen no ano 1943  

Urbano Sanmartín Abilleira,  veciño de Mourente. Morto no campo de Gusen en febreiro de 1941

Antonio Gómez Torres. Morto no campo de Gusen en febreiro de 1945

Claudio Tizón Vázquez. Morto en Mauthausen, en febreiro de 1942

Macario Cortegoso Rodríguez (Julio). Liberado do campo de Gusen en 1945

Manuel Pérez Taboada, de Santa María de Xeve, Internárono no campo de Neuengamme. Foi liberado en 1945.