Porteiro Garea, o irmandiño que non quería ter a ver cos españois

Porteiro Garea, o irmandiño que non quería ter a ver cos españois
Porteiro Garea
Porteiro Garea  

“Os irmandiños non teñen nada a ver con aqueles que queren a España, por moito que non teña rei dixo Porteiro Garea na súa palestra do 11 de febeiro de 1917, no Ateneo Republicano da Coruña, no aniversario da I República. 


Hai un primeiro Porteiro Garea. Lembro agora, aquel neno nado en Lugo o 16 de Novembro de 1889, os seus primeiros estudos, a súa etapa de bacharelato no vello Pazo de San Marcos e tamén a súa primeira toma de conciencia naquela cidade amurallada, onde o pouso daquela xeración dun Aureliano Pereira xa morte, dun Amor Meilán reconvertido e dun Castro e López no exilio remataron por achegalo ao republicanismo federal. Non podemos esquecer a aquel dirixente estudantil que ao pé de Castelao, Quintanilla, ou Fernández Mato, influídos por Armando Cotarelo ou Cabeza de León, desde as filas da “Xoven Galiza” loitaron na primeira década do S XX pola galeguización da Universidade, nin ao estudante modélico que despois de licenciarse na Facultade de Dereito de Compostela fai os cursos de doutoramento en Madrid e da conferencias no Ateneo da capital do Estado e exerce de avogado dos sindicatos que na cidade do apóstolo dirixe o vello Pasín. 

"Non podemos esquecer a aquel dirixente estudantil que ao pé de Castelao, Quintanilla, ou Fernández Mato desde as filas da “Xoven Galiza” loitaron na primeira década do S XX pola galeguización da Universidade"

Hai un Porteiro Garea novo. Reclamo ao Catedrático da Facultade de Dereito que da man de Aurelio Ribalta e dos irmáns Vilar Ponte inicia o seu camiño de volta ao que foi e somos á altura de 1915. Reivindico a súa conferencia en galego no Claustro de Fonseca sob o titulo “A transformación do dereito civil pola Grande Guerra”, por volta de 1915, e tamén o discurso pronunciado con motivo da fundación da Irmandade da Fala de Compostela á altura de Maio de 1916 e como non a súa palestra o 11 de febreiro de 1917, aniversario da I República, no Ateneo republicano da Coruña onde rompe con estes porque “os irmandiños non teñen nada a ver con aqueles que queren a España, por moito que non teña rei”. Fago meu  ao militante que representou ao nacionalismo naquelas batallas electorais iniciáticas da I Restauración nas terras de Celanova e A Estrada, ao organizador que lle tocou dirixir ao movemento que é de nos nos momentos previos a Asemblea de Lugo, ao concelleiro republicano agrario galeguista na Corporación de Compostela e ao único avogado, que canda ao seu pasante Luís Peña Novo, asesorou e defendeu aos sindicatos composteláns do vello Pasín antes e despois da Folga Xeral de 1917.

"Analiza tamén a galegofobia que opera como eixo central da ideoloxía españolista e destaca o papel da cultura nas nacións sen estado como piar principal para criar conciencia nacional"

Hai un Porteiro Garea vivo. Queda con nos para sempre, por moito que unha morte prematura o arrancase do noso lado un 27 de Outubro de 1918, as súas achegas doutrinais e unha practica militante que nos permite recoñecernos e orientarnos no camiño a facer. Está presente, o seu discurso pronunciado con motivo da fundación da Irmandade da Fala de Compostela, no que vai facer unha defensa fechada do uso do idioma, denuncia o drenaxe do noso aforro, a súa utilización para capitalizar investimentos noutros territorios do Estado e as consecuencias na estrutura de clases da nación, analiza tamén a galegofobia que opera como eixo central da ideoloxía españolista, galegofobia que na súa manifestación externa emparenta coa práctica definitoria do fenómeno colonial, e destaca o papel da cultura nas nacións sen estado como piar principal para criar conciencia nacional. Segue a acompañarnos o Manifesto Nacionalista de Lugo, redixido por Porteiro Garea na súa practica totalidade, se ben unha morte prematura delegou a súa defensa nas sesións do Méndez Núñez no seu pasante Peña Novo, o texto fundacional e máis relevante do movemento que hoxe continuamos e que determina a posición teórica pero tamén política do nacionalismo asentado no binomio Galiza nación e Soberanía, derivada esta última da esixencia de dereitos políticos que lle son propios a unha nación.

Hai un último Porteiro Garea. Sabemos hoxe que queren arrombar co corpo doutrinal que é de nos desde fai máis de 150 anos porque este impugna propostas políticas que tentan ligar a obediencia a España coa referencia a Galiza. Caemos na conta que o patrimonio da “Xeración do 16” está en disputa posto que o cerne do mesmo asentase “no triunfo do ideal e non no ideal do triunfo” e isto sanciona o camiño do atallo daqueles que non lles importan ir a ningures con tal de que o camiño sexa cómodo. Decatámonos de que decretaran o silenzo para a totalidade do patrimonio ideolóxico do nacionalismo posto que o mesmo responde ao axioma estratéxico de conseguir a soberanía para Galiza e unha Galiza soberana é cuestión de convicións, de tempo, de sentido da oportunidade pero non de oportunismo  e de entrega sen contrapartidas. Temos claro que camiñar é importante porén antes de botarse ao camiño cómpre saber a onde queremos chegar.