MANUEL REI, PROFESOR

"Poucas nacións teñen un referente desta dimensión"

"Poucas nacións teñen un referente desta dimensión"
manuel rei romeu 340
manuel rei romeu 340  

'A derradeira leición do mestre', en Galiza.


Que lle parece a chegada a Galiza da obra?

En primeiro lugar, hai que dicir que este é un logro da ILP aprobada hai tres anos; en segundo, que as autoridades no momento da desembalaxe da obra falan de proxección de futuro, e non de refrescar a memoria aos galegos e galegas. 

Que elementos simbólicos destacaría?

Estamos diante da imaxe máis impactante da obra de Castelao. Bota man de aspectos potentes: o mestre asasinado, unha figura especial, un mártir por ser leal aos seus principios ideolóxicos, os do Partido Galeguista; dalgún xeito falamos do alter ego de Castelao. Ninguén discute ver nela a imaxe de Bóveda. Destaca tamén a presenza dos nenos, que en Castelao teñen unha simboloxía clara; un chora, outro ampara. A idea é que son a esperanza do porvir e a semente de futuro. Coido, con todo, que o símbolo máis potente son as dúas árbores podadas, mutiladas, mais que non están mortas. Son carballos, con vida e cheos de forza malia seren mutilados. 

Só estará na Galiza até marzo. Que opina?

Evidentemente, o lenzo tiña que quedar aquí. A Xunta di que hai que respectar a emigración, mais coido que se xestionaron a súa chegada foi con certa molestia porque dalgún xeito se viron forzados pola ILP de 2015. A obra de Castelao está espallada por centos de lugares e o lóxico sería que estivese compilada nun museo. Falamos dun referente dunha dimensión que poucas nacións teñen e a súa obra debería proxectarse da forma que merece