O PP de Cambre cualifica de “anécdota” o asasinato de dous concelleiros no franquismo

O PP de Cambre cualifica de “anécdota” o asasinato de dous concelleiros no franquismo
[Imaxe] Unha sesión plenaria en Cambre
[Imaxe] Unha sesión plenaria en Cambre  

Manuel María Mora Pita da Veiga é concelleiro do PP en Cambre, onde o partido de Feixoo votou na sesión plenaria de abril en contra de dedicar unha rúa a dous edís da Corporación democrática de 1936 que foron asasinados polos golpistas. O PP cualificou de “anécdota” estas mortes e cre que non teñen “méritos suficientes”. Vídeo no interior.


Luciano Costa García e José Pérez Ferreño eran concelleiros da Corporación municipal de Cambre en 1936 antes de producirse o golpe de Estado de Franco. En agosto dese mesmo ano foron asasinados sen ser “sometidos a ningún tipo de xuízo, nin sequera a unha farsa”.

Explicábano os edís do BNG en Cambre, Brais Cubeiro e Daniel Carballada, durante a defensa da moción impulsada polo equipo de goberno a través dos nacionalistas.  “O Concello debe dignificar e recuperar a memoria das vítimas da represión”, afirmaban na sesión plenaria que decorreu a pasada quinta feira pola tarde os concelleiros do Bloque.

Manuel María Mora Pita da Veiga, edil do PP, tomou a palabra para explicar por que o partido presidido por Alberto Núñez Feixoo na Galiza rexeitaba a proposta, “cremos que non hai méritos suficientes como para dedicarlle unha rúa a dúas persoas que hai 80 anos que faleceron. Quizais se lembre agora, en 2019, de que morreron hai 80 anos”.

O edil, sobriño do almirante Gabriel Pita da Veiga, ministro da Mariña con Franco e amigo do ditador, segundo informa o BNG, sinalou: “se seguimos revolvendo na memoria despois de 80 anos é que non nos lembramos moi ben desa memoria, témola un pouquiño fráxil”.

Retrucoulle Carballada, “son unha forza política ultramontana e antidemocática e están a  demostralo co sentido do voto nesta moción”. “Como ben apuntou a representante de Ciudadanos, que supoño que non é sospeitosa de separatista nin bolxevique, eran membros da Corporación democrática na altura de 1936”, afirmou, “eran dous rapaces que non chegaban aos 30”.

O concelleiro do BNG lembrou a detención de Luciano, “foi levado despois de bautizar a súa filla. Saía con ela en brazos e los que ganaron la guerra collérono no adro da igrexa”. “Apareceu nunha gabia e foi mal enterrado sen tumba no cemiterio de San Vicente de Vigo. A esa persoa néganlle unha rúa”, engadiu.

A Pérez Ferreño “collérono na súa casa, onde estaba coa súa familia, entre outras cuestións porque a súa muller estaba embaraza e, diante dela, levárono e nunca máis volveu. Hoxe a filla ten 82 anos. E nós, que tivemos a sorte de coñecela, pedimos o voto favorábel [á moción]”, continuou Carballa, “se vostede, Sr. Mora, á saída deste pleno, é detido por señores falanxistas vestido de azul ou pola Garda Civil, se o matan e se o deixan tirado nunha gabia e enterrado sen nome, eu dígolle que votaría neste pleno a favor de que a vostede, como representante público, lle dedicasen unha rúa na súa vila”.

Ao edil do PP non lle convenceu o símil, “tampouco se nos ocorreu facerlle unha homenaxe e dedicarlle rúas a gardas civís vítimas de ETA no seu momento ou a policías, militares e políticos”, puxo de manifesto, eludindo que en Cambre existen dúas prazas cos nomes de Miguel Ángel Blanco, concelleiro do PP en Ermua asasinado por ETA, e do deputado vasco Fernando Buesa.

“É verdade que se fixeron moitas barbaridades despois dunha guerra civil moi dolorosa. Fixéronse moitas barbaridades a partir dos anos oitenta cando a ETA entra en acción e fixéronse moitas barbaridades ao longo da historia. E non sei por que só quedamos nas anécdotas da importancia que teñen que un ou dous concelleiros neste caso fosen asasinados vilmente no seu momento”, afirmou o concelleiro do PP.

Finalizou o representante do PP que hai “prohomes”, como Calvo Sotelo, que non teñen recoñecemento en Cambre.