INTERVENCIÓN DE AMALIA BÓVEDA ESTE 17 DE AGOSTO

“O presente manca a quen procura verdade, xustiza e reparación”

“O presente manca a quen procura verdade, xustiza e reparación”
Amalia Bóveda e Telmo Comesaña, premio Galiza Martir 2019, este 17 de agosto. Foto: @Buscameblog
Amalia Bóveda e Telmo Comesaña, premio Galiza Martir 2019, este 17 de agosto. Foto: @Buscameblog  
Amalia, a única filla viva de Alexandre Bóveda, foi a encargada da máis emocionante das intervencións no acto do Día da Galiza Mártir organizado pola fundación que leva o nome do galeguista asasinado en 1936 e o Concello de Poio. “Este presente manca a quen procura verdade, xustiza e reparación”, afirmou nun breve e contundente discurso ao que Sermos Galiza tivo acceso.

“Benchegados un ano máis. Porén non é un ano máis”, comezou Amalia Bóveda, “é o comezo, despois de case unha década en que as nosas demandas comezan a ser intepretadas en clave transversal. Así debe ser. A memoria atravésanos cal flecha. A todos sen excepción, aínda querendo poñer excusas. Aínda sen querer sentir o dardo, o dano está aí”. De fondo, varios logros da fundación, entre eles que o pleno da Deputación de Ourense -con maioría das dereitas- aprobase recentemente “instar ao Parlamento de Galiza a institucionalizar o Día da Galiza Mártir”.

“Agora é o momento da valorización da memoria colectiva, coma rasgo inconfundíbel desa parte da sociedade que quere avanzar”, estendeuse Bóveda, “porque atrás están as claves, porque diante están os obxectivos”. Crítica coa “división” a respecto da xestión da memoria histórica e partidaria de “ler con xenerosidade”, avogou por “conseguir os anceios de progreso dos mártires galegos”.

“Que o seu futuro soñado sexa o que estea por vir. Soñar espertos e por separado é unha forma de insomnio, e o insomnio non deixa ver a realidade de día”, concluíu xusto antes de pedir soños: “Soñemos pois, mais soñemos xuntos. Os nosos soños xa están aquí”.