A primeira guía turística de Galiza

A primeira guía turística de Galiza

En 1917, cento e un anos van alá, a Asociación de Hostaleiros e Fondistas de Galicia editou a que, seguramente, é a primeira guía para o turista que visita o noso país. A Asociación, creada en xaneiro dese ano de 1917, viña funcionando, de maneira informal, desde 1909 mais foi a partir de setembro de 1915 que se tomou a serio a súa constitución.

 

Xa en 1917 a recén constituída Asociación decide editar unha guía co “nobre desexo de fomentar o turismo na rexión”. No limiar, de xullo de 1917, a Asociación presenta a guía como ”ensaio para empresas de máis alcance” e lamenta o pouco interese que as entidades oficias e particulares do país mostran para facer visíbeis “os grandes atractivos e extraordinarias belezas desta terra”. A guía terá erros, por ser a primeira obra deste xénero que se edita, mais subsanaranse “se hai galegos entusiastas que os indiquen”. En todo o caso, a Asociación entende que con esta obra ten, polo menos, “a íntima satisfacción de crer que con esta modesta iniciativa realiza unha obra de verdadeira necesidade e un labor de galega e patriótica conveniencia”

 

Por certo, a Guía é unha obra con erros, mais lindísima.

 

Contar as excelencias dun país

 

Toca agora falar, brevemente, do contido. Trátase, como dixemos, dunha guía para contar as excelencias dun país

 

Screen Shot 2018-07-13 at 13.02.33

A publicación, editada pola Asociación de Hoteleros y Fondistas de Galicia foi repartida gratuitamente, coa portada a cor obra do pintor Román Navarro, o tenente coronel de cabalaría que permutou co pai de Picasso a praza na Escola de Artes da Coruña, e texto de Eladio Rodríguez. Son 163 páxinas con fotografías, información sobre hoteis e fondas, correos, vapores, prezos dos billetes, distancias ou mapa de estradas. Financiouse con máis de 70 anuncios. Hai edición facsímile do ano 2008 a cargo da editorial Maxtor.

 

Os promotores desta primeira guía da Galiza dicían que as seguintes deberían ter versións en francés e inglés, e chamaban a atención, como un deber colectivo, de entidades oficiais e particulares para entre todos atender a necesidade de pregoar os nosos encantos.

 

Alén dese valor propagandístico a guía presenta algunha información que hoxe nos chocaría. Por exemplo, entre os ríos menciona o Ézaro, “de nome helénico, que rodea un monte chamado Pindo” ou a presenza en Foz de itacolumita, “rocha notábel en que soen encontrase diamantes”

 

Hai un século que na Galiza se publicou o primeiro intento de contar as excelencias e atractivos de todo un país.

 

Non é cativo mérito.

 



x