ASÍ O CONSIDERA O GOBERNO SÁNCHEZ

Primo de Rivera continuará no Val dos Caídos por ser unha "vítima da guerra civil"

Primo de Rivera continuará no Val dos Caídos por ser unha "vítima da guerra civil"
Primo de Rivera, primeiro pola dereita, nunha imaxe de 1933 con Alfonso García Valdecasas (centro) e Ruiz de Alda, co-fundadores de La Falange
Primo de Rivera, primeiro pola dereita, nunha imaxe de 1933 con Alfonso García Valdecasas (centro) e Ruiz de Alda, co-fundadores de La Falange  

Primo de Rivera é un símbolo do fascismo español e a única figura que rivaliza con Franco no devocionario dos nostálxicos da ditadura. Xa en 2011, a comisión de expertos criada a instancias do Goberno Zapatero distinguiu os casos do fundador da Falanxe e do militar golpista, a sentar o criterio de que aquel fora vítima da guerra civil e este, non, pois morreu na cama de morte natural. O Goberno Sánchez asume agora ese criterio e entende que si fai sentido que Primo de Rivera continúe no Val dos Caídos, monumento que en teoría rende tributo ás persoas mortas durante a conflagración, mais que na práctica foi sempre un emblema da ditadura.

"No caso de Primo de Rivera, é unha vítima da contenda. A súa permanencia está xustificada. Imos ir ao urxente: exhumar os restos de Franco", dixo esta sexta feira en conferencia de imprensa a vicepresidenta do Goberno español, Carmen Calvo.

A verdade histórica indica que Primo de Rivera foi detido antes do comezo da guerra, en aplicación da legalidade republicana, sob a acusación de conspiración contra a República. Foi condenado a morte tamén de acordo coas leis republicanas e foi executado en novembro de 1936, após fracasaren distintas tentativas de resgate por parte das forzas franquistas.

En todo caso, o goberno si vai exhumar os seus restos para os retirar do lugar en que foron depositados, ao pé do altar maior da basílica, ben perto do cadáver de Franco. Serán recolocados nunha zona "non preeminente" —avanza o executivo — como un máis dos máis de 33.000 restos mortais que acubilla o mausoleo.