DO PASADO AO PRESENTE

O proxecto colonial franquista na Terra Cha

O proxecto colonial franquista na Terra Cha
Vivenda orixinal de colono con silos no sector de Espiñeira [Imaxe: Ana Amado]
Vivenda orixinal de colono con silos no sector de Espiñeira [Imaxe: Ana Amado]  

Co nome de “Plan General de Colonización de la Tierra Llana”, o goberno franquista instalou 189 familias de colonos en Matodoso, Arneiro, Veiga de Pumar e A Espiñeira co obxectivo de reordenar as terras e introducir a mecanización na agricultura.


Unha anécdota conta que un ministro, durante un voo, contemplou o monte galego e pensou na necesidade dunha intervención para transformalo en terreo produtivo. Así foi decidida a intervención do Instituto Nacional de Colonización (INC) da ditadura franquista na Galiza.

O sociólogo José María Cardesín comenta que a anécdota “é claramente fantasiosa, mais serve para explicar a lóxica produtivista da Colonización”.

En 1959 o “Plan General de Colonización de la Tierra Llana” púxose en marcha, o único que chegaría a concretarse no país. Até 189 familias de colonos desprazáronse ás vivendas edificadas ao redor de catro núcleos: Matodoso, Arneiro, Veiga de Pumar e A Espiñeira. Algunhas chegaron desde Negueira de Muñiz, onde deixaban a súa aldea baixo as augas dun dos encoros da ditadura.

Amado e Patiño estabelecen un paralelismo entre os poboados da Terra Cha e os edificados pola ditadura de Mussolini no agro pontino, en Italia

Cardesín incide en que da actuación do INC deriva “o maior movemento migratorio interior no Estado español do século XX”. Logo do seu nacemento en 1939, e entre 1945 e os anos setenta, o organismo transformou a paisaxe rural do Estado edificando máis de 300 asentamentos, aos que se desprazaron ao redor de 55.000 familias. Unha escola, un economato, o edificio do sindicato vertical ou unha igrexa completaban a fisionomía dos poboados. O obxectivo na meirande parte dos casos consistía na reconversión de terras de secaño en cultivos de regadío. Os colonos achegaban a man de obra. No caso galego procurábase unha reordenación das terras e a introdución da mecanización, abrindo camiño á implantación da agroindustria no país.

Mudar agras por frisonas

A historiadora Ana Cabana, natural da Terra Cha, estudou a actuación do instituto franquista na comarca. Nas súas investigacións desenvolve a rápida mutación da paisaxe tras a aplicación do Plan Xeral desenvolto polos enxeñeiros da ditadura. Dunha agricultura orgánica de policultivos, organizada en agras, derívase á especialización na produción láctea dependente do mercado.

En 1956, con Cavestany como ministro de Agricultura, aprobouse o “Plan General de Colonización de la Tierra Llana”, que afectaba 2939 hectáreas de superficie, a maioría pertencentes a monte veciñal en man común. Aquel monte improdutivo da anécdota de Cardesín. Este, que chegou a vivir seis meses na Terra Cha durante as súas investigacións sobre os poboados, relata a oposición veciñal ao proxecto cando comezan as expropiacións. Os decretos de expropiación defendían o ”interese social” daquela terra pertencente a sete parroquias do municipio de Castro de Rei e a oito do de Cospeito.

Após o Instituto Nacional de Colonización desmantelar a agricultura tradicional, hoxe dáse unha especialización na produción leiteira

Do monte baixo expropiado, cuberto de toxo e breixo, extraíase o abono imprescindíbel para as agras. A súa conversión en terreo de cultivo supuxo a ruptura cunha agricultura en simbiose coa natureza da comarca. As agras, terras de labranza divididas internamente en campos abertos, cercadas por un feche, rexíanse por un sistema de cultivo colectivo, que desapareceu co INC. Debido á oposición veciñal, as familias de colonos chegarían de puntos afastados dos concellos de Cospeito e de Castro de Rei á área de actuación do Plan Xeral. Un total de 189 familias chegaron a asentarse entre 1959 e 1967 nos catro núcleos de colonización. A partir dos 60 as agras foron substituídas por praderías artificiais e forraxe para alimentar o gando introducido polo INC: a vaca frisona.

A mecanización da Terra Cha

Tras varias modificacións nos plans de xestión, o INC apostou na especialización das explotacións na produción leiteira. A paisaxe volveu mudar, con cortellos de cemento e a instalación dos enormes silos característicos da comarca. Entre as familias que chegaron aos poboados atopábanse varias cántabras con experiencia no sector. Como explica Cardesín, o organismo achegaba as terras preparadas, a rede de rego e de saneamento. Ademais planificou a mecanización total, co estabelecemento de “Parques de Maquinaria Cooperativa” que ofrecían tractores e todo tipo de ferramentas aos colonos. Abríronse vías de comunicación para facilitar a comercialización do leite ás centrais leiteiras creadas durante a ditadura. A estratexia foi asimilada pola veciñanza da comarca, que tamén derivou as súas explotacións á produción de leite.

Os colonos desconfiaban de obter algún día a titularidade da terra e dos seus fogares, xa que o trato co INC estabelecía un prazo de 25 anos para adquirila. “Interesaban estes prazos porque permitía exercer un control sobre os colonos”, di Cardesín. Na “Cartilla do colono” levábase conta do producido en cada explotación. “Todo conducía a un endebedamento do colono a respeito do Instituto”. As estratexias das familias diferían: había quen trataban de reducir a débeda ao mínimo, considerándoa unha “ameaza para a súa autonomía”, e quen, como contou un “maioral” ao que entrevistou Cardesín, “o que quería era anotar”.

As explotacións leiteiras permitiron aos colonos obter beneficios constantes e previsíbeis, axudándoos a saldar as súas débedas. Mais tamén os converteu en dependentes das comercializadoras do seu leite. O proxecto da Terra Cha transformouse nunha porta de entrada da agroindustria. “A modernización repercute finalmente no sector capitalista, aumentando a extracción da plusvalía do sector agrario”, escribía Cardesín nos 80.

[Podes ler a información íntegra no número 355 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]