ROTEIRO EN MACEDA

Rachar a débeda con Francisco Carballo

Rachar a débeda con Francisco Carballo

Medio cento de persoas participaron no roteiro cultural pola vila de Maceda para percorreren os lugares de Francisco Carballo cando se van facer catro anos do seu falecemento.


92a11f80-37f6-4ec4-8214-e6e2d12c1dd0O punto de partida foi a cafetaría Castillo, onde o escritor, presbítero, teólogo e historiador Francisco Carballo (Maceda, 1925-Salamanca, 2014), un dos máis entusiastas impulsores de Sermos Galiza, facía parte dun faladoiro cada vez que regresaba ao seu lugar de orixe. “Alí sempre quedaba Carballo coa xente de Maceda, xuntábase con quen tiña vínculos con el”, explica, en conversa con este medio, Santiago Prol, impulsor da Asociación Amigos de Francisco Carballo, entidade que organiza os roteiros na súa lembranza. O último tivo lugar o sábado, día 20, na vila de Maceda.

Máis tarde o medio cento de persoas que quixo honrar Carballo visitou o Museo do Médico Rural, “aínda non está aberto, mais permitíronnos a visita por deferencia e alí lembramos como os médicos de hai setenta ou cen anos ían en besta desde Maceda até aldeas como a de Celeirón, de onde el era natural. Agora a xente vén ao centro médico pero antes os facultativos tiñan un trato máis humano e directo cos pacientes”.

A Biblioteca Pública Francisco Carballo foi outro dos epicentros do roteiro. Ademais de contar coa biblioteca particular que o propio homenaxeado doou ao concello, abeira un espazo dedicado a el con todos os seus libros e con imaxes e cartaces que lembran a súa traxectoria.

Un blog que recolle a traxectoria de Carballo

“Tamén aproveitamos para impulsar a bitácora da asociación, que suma 170 achegas nos dous anos que ten de vida”, afirma Prol, “Carballo dá moita cancha porque era teólogo, xornalista, historiador, facía recensións de libros constantemente e produciu unha cantidade enorme de artigos e publicacións”. As últimas entradas versan sobre o roteiro; sobre Castelao, coincidindo coa chegada do cadro A derradeira leición do mestre a Galiza, e sobre o libro Conversas con Francisco Carballo, do xornalista Xan Carballa e de Santiago Prol e editado en A Nosa Terra.

"Hai aspectos das memorias que non saíron no libro e que publicaremos no blog"

“Francisco Carballo escribira unhas memorias que non chegara a publicar. Titulábanse Na fronteira do eclesial e no corazón do debate social pero, finalmente, decidírase por facer o libro de conversas. Aínda así hai aspectos das memorias que non saíron no libro e que publicaremos no blog”, sinala o impulsor da asociación.

Outro dos contidos máis esperados é a entrevista da xornalista Tareixa Navaza a Francisco Carballo emitida na TVE. Conversa que se proxectou o sábado no roteiro por Maceda, onde se xuntaron antigos alumnos, teólogos, curas, ex curas, amigas e amigos e familiares.

Unha figura brillante

Santiago Prol lembra a volta de Carballo a Galiza, “hai que ter en conta que cando vén de Salamanca era reitor do Teologado, estaba na cúpula máxima dos Paúles a nivel Estado. Propóñenlle ser bispo, mais prefire vir a Vigo e romper con todo iso”. O punto de inflexión, afirma Prol, foi un Terra e Tempo, editada pola Unión do Povo Galego. “Estando en Trastévere (Roma), deu cun Terra e Tempo e iluminóuselle o cerebro. Viu que existía xente organizada no mundo do nacionalismo, ao redor da UPG e da AN-PG, e en 1973 marchou a Sobrado dos Monxes para pensar e foi cando tomou a decisión drástica: ir para Vigo”, engade.

"Que Carballo concorrese coa BN-PG ao Senado foi o no va más para a Igrexa"

Por que Vigo? Vigo era “a cidade onde se cocía todo na Galiza”, di Prol. Foi alí onde “revolucionou a Cultural de Vigo” e en 1977, por iniciativa de Francisco Rodríguez, concorre na candidatura do BN-PG ao Senado, “iso para a Igrexa foi o no va más”. “Aí empeza un Carballo que despois fai moitas máis cousas, o Carballo que crea esa especie de escola de historiadores e que considera fundamental crear a nosa propia historia desde Galiza”.

Falta de recoñecemento

O membro da asociación amigos lamenta que “a Galiza oficial” ignore Carballo. “Morre en 2014 e seguimos esperando a que a Galiza oficial dea, cando menos, un pésame, ou un agradecemento polos servizos prestados ao país. Ninguén o fixo”, denuncia. Coa “Galiza oficial” refírese ás institucións políticas e universitarias. “Loitamos durante anos polo recoñecemento de Carballo como doutor honoris causa da Universidade de Vigo, mesmo estando el en vida, mais seguimos sen conseguilo”, agrega, “o país ten unha débeda con Carballo e mesmo o nacionalismo debería ter máis xestos con el”.

A asociación, modesta, intenta manter vivo o legado e a memoria de Carballo, un home que, malia non se considerar creador, “escribiu toda a vida, ensaios e columnas de tipo político e histórico”, salienta Prol. Os seus referentes: o padre Sarmiento, Bóveda e Castelao.

"Oxalá Lores nos faga de guía. Carballo valoraba moito o Goberno local do BNG”

Próxima parada: Pontevedra

O vindeiro roteiro que organizará a asociación terá lugar na primavera de 2019 en Pontevedra, unha cidade coa que Carballo mantivo un grande apego. “En 1985 foi para Marín pero, na realidade, estaba en Pontevedra. Sentíase orgulloso das transformacións impulsadas polo BNG na cidade”, lembra Prol. “O roteiro deste ano en Maceda centrouse no aspecto relixioso. Para o ano, Castelao e Bóveda terán un protagonismo especial. Oxalá Lores [alcalde de Pontevedra] nos faga de guía. Carballo valoraba moito o Goberno local do BNG”.



x