Recuperar a pegada das Irmandades na capital de Galiza

Recuperar a pegada das Irmandades na capital de Galiza

Un roteiro guiado, organizado pola AC O Galo, percorreu os lugares máis emblemáticos de Santiago ligados ás Irmandades das Fala. Desde o sitio onde se pronunciou o discurso fundacional até o baixo onde Ánxel Casal instalou a imprensa Nós.


Santiago axiña se sumou á faísca que prendera na Coruña o 18 de maio de 1916 na xuntanza convocada por Antón Vilar Ponte e que deu pé ao nacemento das Irmandades da Fala. Apenas 10 días despois, o 28 de maio, Luís Porteiro Garea daba no número 21 da compostelán Rúa do Vilar o discurso fundacional da Irmandade santiaguesa. Axiña. O regueiro foi ría e as irmandades estendéronse por Monforte, Pontevedra, Vilalba, Ourense.. e así até unha trintena.

O Galo Irmandades roteiroPrecisamente nese nº21 da Rúa do Vilar, que en 1916 acollía o Círculo Católico de Obreiros, deu inicio este sábado o roteiro guiado polo investigador e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel A. Seixas. Unha actividade organziada pola AC O Galo no centenario das Irmandades e no marco das xornadas que a agrupación cultural santiaguesa está a aorganizar.

O roteiro percorreu lugares emblemáticos da capital de Galiza e relacionados coas Irmandades, como San Clemente e a praza da Universidade, ou ben as rúas da Acibechería e Abrilares. Ou a Rúa das Hortas, número 20, onde Ánxel Casal instalou a imprenta e editorial Nós cando chegou a Compostela. Un baixo propiedade de Camilo Díaz Baliño, artista galeguista asasinado no 1936.

As xornadas

As primeiras xornadas das “As Irmandades da Fala en Compostela” decorreron os días 13 e 14 deste mes, mais, alén do roteiro, haberá ocasión de participar noutras palestras, como as que terán lugar do 21 ao 25 de novembro na Facultade de Filosofía da Universidade de Compostela

"As Irmandades da Fala en Compostela" teñen como obxectivo divulgar o seu legado en todas as vertentes e contribuír á creación da conciencia nacional e do país. Tamén servirán como mostra de que as Irmandades ergueron Santiago como símbolo de Galiza. A cidade aparece en moitas das creacións de distintos integrantes.