GALIZA NO MAPA

O Reino de Galiza no gran mapa medieval británico

O Reino de Galiza no gran mapa medieval británico
Detalle do mapa
Detalle do mapa  

O mapamundi do Salterio da Abadía de Westminster é unha pequena cartografía elaborada arredor de 1265 que actualmente se conserva na Biblioteca Británica. Sinala o que era unha evidencia naquela altura: a consideración internacional da Galiza como un espazo político diferenciado no ámbito peninsular e a propia realidade dos reinos cristiáns na área ibérica. Eis un extracto do publicado no número 335 de Sermos Galiza.


4O mapa do Salterio é unha carta de autor descoñecido elaborada arredor de 1265 que responde a unha estrutura TO, modelo cartográfico existente na Idade Media caracterizado pola súa preocupación teolóxica. Reciben este nome porque o O representa o mundo en forma circular, a forma xeométrica perfecta, rodeada polo océano, mentres o T refire a articulación do espazo interior ao tempo que presenta a cruz, en tanto símbolo da cristiandade.

A propia forma circular do mapa remite á forma do corpo de Cristo, que aparece abrazado ao mundo, situándose Xerusalén no centro do mundo, onde aparece representado o seu rexurdimento, gravándose a súa cabeza arriba ao leste, a carón do paraíso terreal, e os seus pés ao sur, coincidindo coas columnas de Hércules. Os mapamundi que seguen este esquema deixan nun segundo plano a precisión xeográfica, presentando formas esquemáticas e destacando a súa función teolóxica.

A carta do Salterio é un pequena miniatura de arredor de nove con cinco centímetros de alto que se atopaba incluído nun salterio, isto é, libro de carácter relixioso que recollía unha colección de salmos, e que pertenceu á Casa Real inglesa. A maioría dos estudosos consideran que esta grande xoia da cartografía británica é unha copia do mapa que presidía o dormitorio de Henrique III de Inglaterra na Abadía de Westminster, influído ao tempo polo mapa de Ebsfort, que algunhas investigacións asocian co xurista, político e escritor británico Xervasio de Tilbury. O mapa co leste cara a arriba, a fin de situar Xerusalén como centro do mundo, sitúa a Cristo por riba do mundo, localizando ao seu carón o paraíso terreal.

O espazo ibérico ocupa un lugar subsidiario no conxunto, situado a carón dos pés de Xesucristo, canda as columnas de Hércules, situadas pola tradición no estreito de Xibraltar. Malia a súa orixe relixiosa e o seu carácter teolóxico, o mapamundi ten un claro obxectivo político testado na propia dimensión das diversas realidades políticas, destacando polo seu tamaño a área británica en detrimento doutros territorios europeos e por suposto doutras partes do mundo coñecido. Ao tempo, na liña das cartografías do momento, é evidente a súa función pedagóxica para a propia comunidade, tentando explicar a realidade xeográfica do momento, divulgando os máis importantes centros relixiosos da cristiandade e dando a coñecer os grandes centros políticos.

[Podes ler a información íntegra no número 335 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x