O relator da ONU escoita o movemento memorialístico galego nunha visita histórica

O relator da ONU escoita o movemento memorialístico galego nunha visita histórica
Xuntanza de colectivos da memoria coa ONU
Xuntanza de colectivos da memoria coa ONU  

Interesouse pola impunidade dos represores, pola simboloxía fascista, polo esquecemento das vítimas. O relator da ONU, Pablo de Greiff, escoitou a asociacións e vítimas nunha xornada cualificada como histórica polo movemento memorialístico galego. 


O relator especial da ONU sobre a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, Pablo de Greiff visitou Galiza para se reunir con respresentantes das asociacións pola memoria e vítimas, directas e indirectas, da represión franquista. Desde os colectivos da memoria cualifican a visita de “histórica” e mostran o seu agradecemento porque de Greiff visitara Galiza e se interesara pola situación no país na súa visita ao Estado español, da que emitirá un informe final. A próxima segunda feira presentará unhas conclusións previas ao informe que emitirá finalmente no mes de maio. 

De Greiff xuntouse en primeiro lugar con representantes de Iniciativa pola Memoria, plataforma que agrupa as asociacións, e, a seguir, participou nunha reunión máis aberta á que asistiron tamén familiares de vítimas ou representantes de organizacións. 

O relator da ONU tomou notas do que lle foi relatado e na xuntanza destacouse xa a relevancia da propia visita e da importancia de que un organismo internacional se interesase pola memoria e a xustiza arredor da represión franquista e considerase a pluralidade na súa visita ao Estado Español. 

De Greiff escoitou, entre outras, as intervencións dos escritores Manuel Rivas ou Claudio Rodríguez Fer, do investigador Manuel Monge ou do neto de Alexandre Bóveda, Valentín, entre outros moitos fillos de fusilados de Cangas ou Ribeira ademais de persoas que estiveron na cadea. Na xuntanza déronlle prioridade á voz das vítimas, que transmitiron ao relator da ONU non só os tráxicos episodios da súa vida senón tamén a desmemoria e a impunidade dos represores. 

Entre os temas dos que De Greiff tomou nota atópase as normativas restritivas para o acceso aos arquivos, a impunidade dos represores grazas á lei de amnistía,  a persistencia da simboloxía franquista e homenaxe a represores ou a minusvaloración dos crimes. De maneira particular, houbo declaracións referidas ás homenaxes póstumas a Manuel Fraga, con actos, placas e monumentos, que introducen simboloxía nova sobre un dos protagonistas da represión franquista. Alertouse tamén sobre a situación das fosas e da inhibición do Estado Español que permite que haxa desenterros levados a cabo por particulares sen control e non responda a unha preocupación institucional debida ás vítimas da represión. Lembrouse que o Estado Español é o segundo país despois de Camboia en número de fosas.

A esquecida Illa da Memoria

Representantes das asociacións pola memoria acompañarán na xornada de hoxe, quinta feira, á illa de San Simón, espazo que de Greiff mostrou interese en coñecer. Durante a xornada, o relator da ONU tivo oportunidade de coñecer a situación de dous lugares de especial importancia para a recuperación da memoria pola súa carga simbólica. Por unha parte, o Pazo de Meirás, a lexitimación do roubo do réxime para Franco, segundo lle dixeron, e, por outra parte, a illa de San Simón, campo de concentración do que está a ser borrada a memoria. A Illa de San Simón foi declarada durante o goberno bipartito da Xunta como Illa da Memoria e nela se organizaron as primeiras homenaxes institucionais ás vítimas da represión. Arredor da Illa a Consellaría de Cultura, xestionada polo BNG, elaborara un amplo programa de actuación encamiñado a convertela en espazo de referencia da recuperación da memoria histórica. Coa chegada ao goberno da Xunta do PP, a memoria da represión desapareceu de San Simón da mesma maneira que estivo ausente no proceso de reconstrución, desenvolvido daquela polos gobernos de Manuel Fraga, ex-ministro de Franco.