VALENTÍN BÓVEDA, VICEPRESIDENTE DA FUNDACIÓN ALEXANDRE BÓVEDA

“Que a reparación moral de Bóveda non implique a anulación do xuízo sumarísimo é un delirio”

“Que a reparación moral de Bóveda non implique a anulación do xuízo sumarísimo é un delirio”
valentin
valentin  

Valentín Bóveda é vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda que cada ano convoca actos en Poio e Pontevedra para conmemorar o Día de Galiza Martir. Neto tamén de Alexandre Bóveda, valora nesta entrevista a aprobación da declaración de reparación moral da figura do seu avó mentres continúa sen se se albiscar a anulación do xuízo sumarísimo que reclaman. 


-Como se produce a declaración de reparación moral de Alexandre Bóveda, é iniciativa da familia ou nace de oficio do Ministerio de Xustiza?

Foi solicitada por nós. Neste caso pola propia familia, ao amparo da Lei de Memoria Histórica que recolle a posibilidade de aportar documentación do proceso e probas da falta de culpabilidade para rehabilitar a figura moralmente, un proceso que, singularmente, non dá cauce legal para a anulación do xuízo sumarísimo. A lei esixe que de haber familiares vivos son eles os que o teñen que demandar e, de non houber, poden facelo as entidades. Incorporamso tamén o informe emitido polo alto comisariado da ONU que visitou Galiza e denunciou o incumprimento dos dereitos humanos ademais de pedir que se anularan os procesos de tres figuras concretas, Lluís Companys e Manuel Carrasco i Formiguera ademais do propio Alexandre Bóveda. Na nosa solicitude fixemos referencia na solicitude a esa reclamación ademais das iniciativas parlamentarias, que foran presentadas polo BNG para avalar a petición. O 4 de xuño, data do nacemento de Bóveda, rexistramos na subdelegación de Pontevedra a solicitude. 

-Como chega a resolución?

Por correo certificado remitido polo Ministerio de Xustiza. Fun recollelo a Correos xunto con Ernesto Vázquez-Rey, membro tamén da Fundación Bóveda, e a verdade é que no momento emocionámonos. Á marxe diso, cómper darlle un valor relativo. Está ben que se rehabilite moralmente mais non é por iso polo que o solicitamos. A figura de Bóveda non precisa ser reparada mais con isto agora temos un documento que dá pé a traballar noutras iniciativas, por exemplo, na institucionalización do Día da Galiza Mártir. O PP estivo até agora en posturas enfrontadas e o   PSOE mantívose na ambigüidade con respecto ás vítimas. O ano vindeiro faranse 80 anos do asasinato de Bóveda e falaremos del mais tanto na Fundación como en todo o movemento memorialístico consideramos que compre falar tamén doutras vítimas porque foron milleiros e teñen que coñecerse. 

"Queremos que cada ano se adique o Día de Galiza Martir a unha figura e que non fique só na conmemoración do 17 de agosto senón que sexa todo o ano"

-A institucionalización da data persigue tamén dar a coñecer ás outras vítimas? De que maneira sería?

Temos que reconducir a conmemoración. Bóveda é símbolo mais queremos que cada ano se vaia adicando monograficamente a unha persoa, que se fale tamén das súas vidas porque os seus asasinatos son consecuencia de como optaron por vivir. Queremos que se adique cada ano a unha figura e que non fique só na conmemoración o día 17 de agosto senón que se falara desa persoa durante todo o ano. Esa é a nosa proposta e gustaríanos que ao ano seguinte a Bóveda fora unha muller a quen se dedicase que, en definitiva, foron as que mantiveron a memoria en tempo de silencio. Cando falamos de que hai moitos Bóvedas, podemos dicir que tamén moitas Amalias. Grazas a moitas mulleres puidemos manter a memoria que se nos negou de raíz. 

-Como se canaliza esa proposta de institucionalización?

O regulamento do parlamento contempla que un cidadán pode facer unha proposta e a súa demanda escoitada. Fun eu quen rexistrou, a título particular, a petición que deberá pasar pola comisión antes de ser debatida e votada. Neste caso, a resposta ao cidadán que solicita a institucionalización ten que vir razoada. Até agora había partidos que pasaban por riba e agora é preciso posicionarse. Falamos de dereitos humanos que se están a incumprir como din os organismos internacionais como a ONU. 

-En canto á declaración de reparación moral, vostedes solicitaron que fora entregada en man a Amalia, a filla de Bóveda. Que resposta obtiveron?

Solicitamos ao Delegado de Goberno en Galicia que fixera un acto de entrega da reparación para que se visibilizara publicamente. Dixéronnos que antes do 17 de agosto, o que era a nosa intención, era imposíbel mais que seguen en disposición e facelo. A resposta é ambigua porque non fixeron nada para marcar unha data. 

"A reparación moral está aprobada polo Ministerio de Xustiza mais na anulación tería que entrar o poder xudicial e non hai canle algunha para solicitala".

-En que punto está entón a anulación do xuízo sumarísimo que condenou a morte a Alexandre Bóveda?

Está en punto morto. A reparación moral está aprobada polo Ministerio de Xustiza mais na anulación tería que entrar o poder xudicial e non hai canle algunha para solicitala. Estamos a traballar coa Querela Arxentina mais a situación está moi complicada. O máis sinxelo sería unha demanda social ampla que é como acceden a mudar as cousas. Todos os procesos continúan no mesmo caso, nun limbo. Agora hai unha lei que permite que se recoñeza que ese asasinato foi inxusto mais non se permite a anulación do xuízo. Custa pensar que hai persoas gobernando as institucións que ese din demócratas e que sigan negando a modificación da lei ou a derrogación e facto. A anulación dos procesos tiña que partir do propio ministerio. É absurdo que rehabiliten as figuras e non nos deixen canles para solicitar a anulación dos procesos que os condenaron. É un absoluto delirio. 

-Desde a Fundación convocan, un ano máis os actos polo Día de Galiza Mártir e o vindeiro ano será o oitenta aniversario do asasinato. Que agardan destas datas?

Tiñamos varios obxectivos, un deles, que a data se espallara e se conmemorara fóra de Pontevedra, o que se está a conseguir. Queriamos tamén que os concellos institucionalizasen a data tamén co fin de ir arroupados na nosa solicitude ao Parlamento e tamén estamos a conseguir nese sentido que a conmemoración se fora espallando para gañar en memoria. Agardamos tamén que as novas forzas políticas como Compromiso por Galicia ou as Mareas se sumen tamén a nosa petición xa que, até hai pouco era só o BNG quen presentou iniciativas ao respecto e se podemos falar hoxe de rehabilitación da figura de Bóveda, en parte é grazas ao BNG. Chegamos a un novo 17 de agosto no que queremos mostrar á sociedade que o Estado nos dá a razón aos que nos xuntamos desde hai moitas décadas. Na Fundación hai un revulsivo de folgos para seguir a traballar tamén´n noutros eidos. En canto ao 2016, agardo que se aprobe a institucionalización nun ano que coincide non só co 80 aniversario do asasinato de Bóveda e a aprobación do Estatuto senón tamén co Centenario das Irmandades da Fala... unha confluencia da que poden saír cousas interesantes. Agardo que a nosa iniciativa sexa aprobada por unanimidade no Parlamento.