Repensar a Memoria Histórica na Galiza

Repensar a Memoria Histórica na Galiza
Monumento de Isaac Díaz Pardo no Campo da Rata
Monumento de Isaac Díaz Pardo no Campo da Rata  Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces
A investigación e difusión da Memoria Histórica na Galiza asume a nova situación e procura novas estratexias. O historiador Dionisio Pereira achega algunhas ideas

Xa pasaron seis anos desde a celebración en 2006 do “Ano da memoria” na Galiza. A Illa de San Simón convertérase no símbolo da recuperación da verdade histórica agachada mesmo desde os gobernos que viñeron na mal chamada transición. Quen non lembra os actos de homenaxe ás vítimas dunha das maiores represións que sofreu o noso país? Pouco a pouco as testemuñas falaban do horror e a barbarie até ese momento silenciadas. Era a verdadeira transición que moitas persoas agardaban desde aquel negro mes de xullo de 1936. Trinta e un anos despois da morte do ditador inaugurábanse monumentos, publicábanse traballos de investigación, presentábanse xornadas coa intervención das persoas protagonistas reais daquel xenocidio. Que pasou para que esmorecera, en parte, o interese por recuperar e lembrar acontecementos que non deberían quedar no anonimato? “Estamos nun punto de inflexión”, asegura Dionisio Pereira, historiador e membro, entre outras da Iniciativa Galega pola Memoria, un punto de encontro das diferentes asociacións, fundacións, colectivos e persoas que están a traballar pola recuperación da memoria histórica na Galiza. “Daquel case medio cento de grupos que existiron hai uns anos, algúns xa non traballan esta temática. Pódese dicir que neste momento non pasan dos 20 de colectivos que en toda Galiza teñan unha mínima actividade”, afirma con rotundidade. Hai excepcións, iso si, como a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ou a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica.  


Novas estratexias
“As actividades céntranse moito en homenaxes para visibilizar, creando espazos simbólicos propios mais entendo que agora a propia base social xa se empeza a resentir”, apunta Pereira. Esta contundente afirmación reivindica un cambio de estratexia máis achegado á realidade socio-política que vivimos. E a súa aposta é valente. “Habería que detectar que hai de franquismo na nosa sociedade, de que maneira a transición pactou coa continuación do franquismo sociolóxico, a influenza do ideario da ditadura que segue determinando social e politicamente, mesmo economicamente o país”. Xusto o tabú máis presente e perigoso para os investigadores. O mesmo Dionisio Pereira foi demandado despois dunha denuncia por dar a coñecer nomes de represores nos seus traballos.
Para afirmar que aínda segue presente ese pouso do franquismo Dionisio Pereira achega mesmo a opinión de importantes voces do mundo científico internacional. “O historiador portugués Fernando Rosas dicía que estaba estrañadísimo da dureza coa que as forzas de orde pública cargaban nas manifestacións”, pon como exemplo. “Eu plantexáballe que se fixara no que estaba acontecendo en Grecia, Portugal e Italia coa repentina reforma do código penal do PP era inadmisíbeis mesmo nestas circunstancias económicas extremas”.

A desmemoria do PP
O goberno galego deixou de investir en investigación e difusión dese período histórico desde a chegada do PP a San Caetano. “Non existen axudas”, sinala Pereira quen denuncia, ademais, que a Xunta deixou de mercar libros que tiveran como temática a memoria histórica. Os exemplos chegan mesmo a propia universidade con casos como o da web do proxecto “Nome se voces” que arestora está sen pagar o servizo, “un dos compromisos aos que se chegou coa Consellaría”.
O incumplimento da Lei de Memoria histórica por parte das autoridades foi a máis despois da vitoria do PP nas eleccións ao Congreso dos Deputados e faltan recursos. “No tema do acceso á documentación os arquivos non están en condicións. Falta persoal e hai limitacións por falta de fondos”, sinala o historiador.



x