A revolta de Carnota

A revolta de Carnota
[Castelo de San Xurxo]
[Castelo de San Xurxo]  

A Asociación Monte Pindo Parque Natural lembra o acontecido no Castelo de San Xurxo, sito no Olimpo Celta, o único lugar do que se teña constancia que foi excomulgado pola igrexa católica. Aconteceu nos tempos de Xelmírez. 


Para a Igrexa, un acto de barbarie. Mais para a xente, o episodio que denomino revolta de Carnota debeu ser a resposta ante décadas ou séculos de abusos por parte da Igrexa contra o pobo de Carnota, que finalmente decide reaccionar, armarse como cabaleiros, e asestar un dos maiores golpes populares dos que quedou constancia na documentación medieval aos intereses da Igrexa, cando o seu poder xa era pouco menos que absoluto, e que só a intelixencia estratéxica do arcebispoDidaci Gelmiri, Diego Xelmírez, conseguiu sofocar. Imos cos feitos.

No pico Pedrullo do Monte Pindo levantouse un castelo apadriñado polo santo guerreiro Sancti Georgii, San Xurxo, fundado (ou refundado) no século X polo bispo Sisnando II para protexer as nosas costas dos continuados ataques e saqueos normandos e árabes desde o mar, defendendo ademais un paso privilexiado a Santiago, cobizado centro do poder relixioso na época. Trátase dun castelo roqueiro, e que malia estar preto da costa ocupa un escarpado penedo de difícil acceso co que se fundía. Ten unha impresionante perspectiva sobre o sur da Costa da Morte, e trátase probabelmente dun dos castelos de pedra máis antigos do País, e dun dos poucos que nunca puido ser conquistado, que se saiba.

"Co progresivo cese do hostigamento martítimo San Xurxo foi perdendo función defensiva para converterse paulatinamente nun auténtico símbolo de poder da coroa galega"

Co progresivo cese do hostigamento martítimo San Xurxo foi perdendo función defensiva para converterse paulatinamente nun auténtico símbolo de poder da coroa galega. No século XI ou XII esta cédea a Pedro Froilaz, fundador da poderosa estirpe dos Traba, membro da corte de Afonso VI e aio (educador) do neno Afonso Reimóndez, quen será o rei Afonso VII de Galiza. Este á súa vez legoulle a fortificación ao seu fillo Rodrigo, quen será logo alférez de Afonso VII na súa coroación, cargo de máxima confianza do rei que portou a espada e escudo do novo monarca durante o distinguido acto, e quen anos despois o nomeará Conde Rodrigo Pérez de Traba.

Coa tenencia do Castelo de San Xurxo, cuxos beneficios resultaban sumamente gravosos segundo documentos da época, Rodrigo asegurábase ademais os privilexios e vasalaxe de todo o Condado de Carnota, que abarcaba naqueles tempos o territorio situado entre os ríos Xallas e Tambre, nos actuais concellos de Carnota, Muros, Outes e a maior parte de Mazaricos.

Arias Muñiz, de conspirador a arcediano de Trastámara e canónigo da Igrexa de Santiago
A principios do século XII, Galiza era unha pota a presión onde os intereses de monarquía, nobreza e clero friccioaban continuamente nunha loita continua pola acumulación de poder, propiedades e privilexios, onde a diferencia entre o político e o relixioso debeu ser imperceptíbel. A coroa do Reino de Galiza estaba en plena disputa e unha coalición liderada por Pedro Froilaz de Traba e a raiña Teresa de Portugal asediaba Compostela para forzar a caída da raiña Urraca e asi poder instaurar na coroa o seu protexido Afonso Reimúndez.

Un dos instigadores daquela sublevación chamábase Aria Munincide, ouArias Muñiz, quen segundo a documentación, a consecuencia dunha das súas habituais arengas ao pobo e o clero de Santiago provocou un levantamento popular contra Xelmírez, polo cal foi tachado de conspirador e traidor pola Igrexa. En realidade Arias Muñiz non ansiaba derrocar o arcebispo senón lograr poder relixioso e concretamente facerse co título de arcediano da poderosa terra de Trastámara. A Mitra compostelá opúxose frontalmente, mais ante o avance do pobo alzado, e véndose xa derrotado e a piques de ver todos os seus pazos destruídos, Xelmírez finalmente accede ás pretensións deste pésimo home: coa condición de devolver o título cando a Igrexa queixer, Arias Muñiz é nomeado arcediano de Trastámara, máxima autoridade relixiosa das vastas terras baixo o dominio dos castelos de San Xurxo, Traba e Ferreira, é dicir, desde o río Tambre ata Bergantiños. E, á vista do ritmo dos acontecementos, non perdeu o tempo.

A xestación dunha revolta popular
O novo apoderado eclesiástico axiña debeu colisionar cos intereses do señor feudal das terras de Carnota, Rodrigo Pérez de Traba, e máis aínda -polo que parece- cos dos seus vasalos. De certo xa debía ser duro abondo entregar boa parte do froito das túas cobizadas piscarias e fértiles terras a un señor para máis ter que compracer en adiante a outro máis.

A insistencia nas propias fontes eclesiásticas en defender a labor civilizadora de Arias Muñiz na súa prédica sobre o noso pobo, ao que califica de bárbaro e ignorante, sinala un segundo factor para a insurrección: a chegada do novo arcediano supuxo un forte choque cultural e relixioso para a xente. Asi, e segundo a descrición literal da igrexa de Santiago, Arias Muñiz predicaba con austeridade a verdade ao clero e ao pobo desas terras,qui erant idiotae & fere indisciplinati, é dicir que eran uns ignorantes, salvaxes e indisciplinados, mentras que Muñiz era varón bo e discreto que só procuraba instruilos e iluminalos nos preceptos da Sacra Escritura. Parece claro que Arias Muñiz loitou activamente para someter ideoloxicamente aquel pobo e destruír o seu sistema de crenzas tradicional, e tamén que a poboación puido reaxir en defensa do seu ante o que trataban de impoñerlle.

A Cova da XoanaCales puideron ser estas crenzas antigas? É dificil sabelo toda vez que se perderon na memoria dos tempos, pois a historia escríbena sempre os vencedores. Pero é moi de ter en conta que determinados rituais que a ollos da igrexa católica só poden calificarse de herexías chegaron con relativa boa saúde incluso ata os nosos días a través da tradición oral. Por dar algúns exemplos, a visión da Cova da Xoana (tamén chamada Revertedemos) coma unha catedral natural na que se practican cultos e -unha vez ao ano, na noite de San Xoán- un gran aquelarre das bruxas da comarca cun demo de nome Miguel; os encantos e fadas máxicas que custodian os nosos ríos e os seus tesouros agochados; a auga que se recolle das pozas da Laxe da Moa a xeito de auga bendita; os ritos de fecundidade e sanación vinculados a determinados espazos e pedras; as visións espectrais, terríbeis monstros, ou maldicións que agardaban a quen non cumprira determinado rito no momento exacto... e outro tipo de rituais que nos falan dun sistema de crenzas politeista que outorgaba aos elementos da natureza características de divindade. Todo isto debía estar a anos luz do monoteismo antropocéntrico que o cristianismo trataba de instaurar, combatindo outras crenzas con dureza ou no mellor dos casos tratando de absorbelas e incorporalas mediante a cristianización dos seus símbolos e referentes. Así, no monte Pindo podemos atopar cruces medievais gravadas en practicamente todos os espazos considerados de culto e mesmo se ergueu unha remota ermita ao pe da mesmísima Laxe da Moa. Porén, ter que aturar a monserga dun recén chegado que despotricaba a cara descuberta contra un sistema de vida e de crenzas tan antigo e arraigado coma os máis rexos carballos puido ser demasiado que aturar para aquel pobo.


Ilustración do momento da coroación de Afonso VII
O terceiro factor que puido acender a chama da rebelión é que o señor destas terras, Rodrigo Pérez, tampouco debía sentirse particularmente cómodo coa chegada dun destacado representante da igrexa de Santiago para disputar o seu poder territorial, e moito menos tratándose dun mandado de Xelmirez co cal a poderosa estirpe dos Traba xa tradicionalmente non tiña boa relación, pois aparte da oposición de Xelmírez á aceptar a aposta dos Traba para a coroa galega, só tres anos antes de estalar a revolta de Carnota, o 13 de novembro de 1127, Rodrigo ve coma o rei de Galiza dalle o seu Castelo de San Xurxo con todas as súas dependencias á Mitra compostelá a cambio de facerlle unha homenaxe anual ao monarca, véndose obrigado Rodrigo a renderlle preito a Xelmirez para poder seguir usando a fortaleza e disfrutando dos seus privilexios e vasalos: unha humillación ao inxente poder dos Traba en plena decadencia vital do patriarca e magnate Pedro Froilaz, que finaría no tempo da rebelión carnotá.

Coroación de Afonso

Se ben non queda claro que o Conde Rodrigo Pérez de Traba participara personalmente no levantamento armado, parece claro que a súa man condescendente e mesmo instigadora podería estar detrás dunha rebelión popular contra o arcediano, toda vez que parece que as propias fontes parecen indicar que o pobo tomou no Castelo de San Xurxo as cabalgaduras e as armas empregadas no posterior ataque, o que practicamente implica a colaboración necesaria do seu ocupante e tenente cos acontecementos que estaban por producirse.

Ano 1130: O pobo de Carnota levántase contra o arcediano
Non conservamos documentación imparcial sobre como transcorreu concretamente o episodio, nin sabemos cantos homes participaron no levantamento, nin tampouco cantos homes configuraban o séquito do arcediano. Pola descrición da Igrexa parece claro que non se tratou dun típico asedio senón dunha auténtica emboscada en campo aberto liderada por labregos e nobres armados, e que tivo lugar no ano 1130 contra unha comitiva de Arias Muñiz nalgún punto do Condado de Carnota, probabelmente no entorno do Monte Pindo, no que ata no século XVIII se practicou o bandoleirismo e mesmo se recomendaba contratar escolta para cruzalo con seguridade. En fin, os emboscados lograron capturar a Arias Muñiz, despoxárono de todas as súas monturas, roupas e pertenzas e despois de darlle unha malleira fixérono preso nos calabozos do castelo de San Xurxo.

A Igrexa describe os feitos asegurando que o pobo de Carnota, estimulado por inspiración do diaño, levantouse insurrecto contra Arias, prendeuno, descabalgouno e despoxouno das súas roupas, azoutouno e recluíuno sen misericordia no cárcere. Máis aló da insistencia na boa fe das intencións do arcediano sobre aquel pobo bárbaro e incivilizado, a Igrexa non da ningunha pista do móbil real do levantamento, se ben parece pouco probábel que sexa unha prédica austera a que esté detrás de tal revolta que golpeaba en pleno corazón das indiscutidas estruturas de poder da Igrexa de Santiago da época.

Excomuñón de PeñafielXelmírez entra en cólera
A noticia do levantamento armado non tardou en chegar a Compostela, onde o arcebispo Xelmírez,moi aflixido, reacciona de inmediato convocando aos seus coengos a cabildo para buscar consello sobre que facer para apaciguar a revolta e castigar aos culpábeis; Este acorda expresar a dor polo acontecido vestindo todos de loito e celebrar Santos Oficios no Coro, baixados das súas cadeiras e en silencio. Asi mesmo, ordena baixar ao chan todos os crucifixos da Catedral.

No canto ás condenas polo sucedido, a Rodrigo, coma señor daquelas terras ao que consideraban dirixente dos malfeitores e por tanto responsábel da revolta, imponlle a anatema, é dicir, unha maldición que supón a súa expulsión da comunidade relixiosa. Por último, acorda a excomuñón daquelas terras bárbaras, o que concretou mandando gravar nunha pedra do Monte Pindo esta inscrición: Reis, bispos e presbíteros, todos por poderes recibidos de Deus, excomulgaron aquí este castelo.

"Non se trata desde logo dun proceder común que a máxima autoridade relixiosa dun Reino excomulgue un territorio físico como fixo Xelmírez, pois se ben ese era un castigo de primeira orde estaba en todo caso reservado para os humanos, non para os montes por moi sagrados que estes sexan"

Non se trata desde logo dun proceder común que a máxima autoridade relixiosa dun Reino excomulgue un territorio físico como fixo Xelmírez, pois se ben ese era un castigo de primeira orde estaba en todo caso reservado para os humanos, non para os montes por moi sagrados que estes sexan. É máis, é o único caso que coñecemos en que isto pasou. Esta decisión totalmente extraordinaria de excomulgar o territorio responde debía pretender dividir as culpas entre toda a poboación, e probabelmente magnificar a importancia deste episodio para salientar o seu enfrontamento cos Traba e quen sabe se mesmo provocar outra revolta popular, mais contra Rodrigo.

Rodrigo nega a súa participación na revolta
En todo caso, a reacción da Igrexa de Compostela foi tan inusitada que Rodrigo Pérez de Traba apurou a negar todo vencello co acontecido, xurando sobre o texto dos evanxeos que el non coñecera nin mandara deshonrar ou facer preso ao arcediano, e comprometeuse a liberalo e restituirlle todo o lle fose roubado, asi coma capturar e entregar a Santiago a todos aqueles labregos que tiveran algunha relación co ataque xunto coas súas posesións e propiedades, e tamén a retirar os privilexios e favores de que gozaran nobres e cabaleiros que participaran dalgún xeito no levantamento, mentras non demostraran arrepentimento. Todo isto díxoo o propio Rodrigo en Compostela, en presenza dos coengos e do propio Xelmírez, e acompañou esta declaración de intencións con varias homenaxes e doazóns á Igrexa de Santiago, coma o Castelo de Faro, que puido ser a Torre de Hércules.


A enmenda pareceulle xusta e suficiente á Igrexa de Compostela e Rodrigo non só atopou o perdón senón que se reconciliou con Xelmírez, e mesmo fixéronse bos amigos desde ese intre. Descoñecemos se finalmente Rodrigo entregou algún nobre ou labrego dos que participaran na revolta a Xelmírez, mais el e a súa muller convértense en grandes benefactores da Igrexa, e practicamente todas as referencias documentais del e a súa familia a partir deste intre consisten en novos donativos e beneficios á mesma.

Malia todo a inscrición excomulgando o Monte Pindo segue gravada na pedra e esta historia, segundo a Igrexa, serviu de advertencia para que outros non se atreveran a repetir alzamentos similares contra os seus representantes. Aínda que trinta anos despois, no Libro V do Códice Calixtino, seguía describindo aos galegos coma un pobo iracundo e litixioso...



x