NO 148 ANIVERSARIO

A revolta da Estrada de 1870

A revolta da Estrada de 1870
O cadro de Honore Daumier, The Uprising.
O cadro de Honore Daumier, The Uprising.  

O cinco de xullo de 1870 arredor de douscentos veciños das parroquias da Estrada toman a vila protestando contra os apremos de embargo, os impostos persoais e de consumos e a política fiscal do concello, ao tempo que traen retido o recadador de tributos Xosé Naveira, encargado do cobro nos núcleos de Berres, San Tomé de Ancorados e San Pedro.


 


Os manifestantes, que na práctica formaban unha comisión das distintas localidades do concello, tentan tomar a casa consistorial, porén serán rexeitados pola actuación da forza pública, nomeadamente da garda civil pero tamén dalgúns membros da milicia nacional, que non dubidan en abrir fogo contra a protesta, causando varios feridos entre as persoas que participan na protesta. A mobilización remata cun enfrontamento violento entre os veciños armados con sachos e paus contra as forzas da orde, sendo detidos catorce no interior da casa do concello e outros dez naturais de Aguións na propia rúa e así até sumar trinta e catro detidos; porén, a diferenza do que acontecía na maioría dos casos, non houbo que lamentar vítimas mortais.

 

A resposta gobernativa á protesta, máis unha vez, foi o aumento da represión, a concentración de forzas na localidade e a militarización do control da orde e da recadación fiscal. Os días que seguiron ao cinco de xullo refórzase a localidade coa chegada de gardas civís e carabineiros de localidades como Caldas, Vilagarcía ou Lalín, dándose a volta a situación o día sete, ao presentarse na Estrada corenta e sei soldados de infantería ao mando do tenente coronel Pérez Colomer e outros dezaoito membros da benemérita que comezan a persecución dos rebeldes polos diversos núcleos do concello. Así, nesa mesma xornada as tropas parten cara Berres e Aguións, procedendo a dispersar os veciños que se tiñan concentrado en Campo Redondo, continuando as operacións nos días seguintes, co exército a participar nos labores de recadación. O goberno civil non daría normalizado a situación até o dezaoito de xullo, momento no que as forzas de infantería retornan de Berres até a vila.

 

A resposta gobernativa á protesta, máis unha vez, foi o aumento da represión, a concentración de forzas na localidade e a militarización do control da orde e da recadación fiscal

 

A faísca que prendeu o lume na Estrada foi o cobro do imposto consumo. Porén, as razóns do descontento e da revolta son máis de fondo. A reforma fiscal de Figuerola, primeiro ministro de Facenda do sexenio, non fixo máis que avanzar nas liñas trazadas na lei tributaria de 1845, dirixidas a unificar o mercado estatal, asentar unha especialización económica no marco peninsular, onde Galiza xogaba un papel subalterno, fortalecer o poder da clase social emerxente e favorecer a penetración do capital europeo. A política económica dos gobernos do sexenio non só non resolve os problemas que estes viñan xerando senón que aumenta a carga fiscal de Galiza, aumenta as arbitrariedades no cobro, significándose no caso da Estrada as recargas que se tiñan producido. Ao tempo este concello situábase á cabeza da provincia de Pontevedra en achegas á facenda pública até sumar 49.659 escudos, correspóndelle un contributo en materia de contribución territorial superior á da propia cidade de Pontevedra.

 

Os sucesos da Estrada debemos contextualizalos no importante ciclo de protesta social que vive Galiza ao longo no período. As propias comunicacións entre as autoridades municipais e o gobernador civil veñen confirmar este suposto, a situar o conflito nesta localidade como unha sorte de avanzada dos que están por vir ao longo de toda a provincia. A forte penetración dos círculos republicano federais nos ámbitos agrarios e vilegos actuaba como fermento para compactar as reivindicación inmediatas dos sectores populares e situalas nunha liña de fondo de oposición ao réxime. Neste sentido son especialmente gráficas as circulares dos xefes políticos da localidade sinalando o “inimigo” pero tamén a envergadura da organización da protesta con persoas comprometidas nas cincuenta e tres parroquias do concello. Ao tempo os executivos do sexenio tiñan provocado unha importante frustración entre os sectores sociais que promoveron e apoiaron o derrocamento de Isabel II, ao incumprir as expectativas abertas coas primeiras medidas do gabinete de Serrano e Prim, coherentes coa axenda liberal de mercado, lei e orde.

 



x