A revolta ourensá de 1892: unha protesta que rematou con mortos

A revolta ourensá de 1892: unha protesta que rematou con mortos
Mulleres ourensáns reunidas na Fonte do Ferro en 1892.
Fonte: Ourense no tempo.
Mulleres ourensáns reunidas na Fonte do Ferro en 1892. Fonte: Ourense no tempo.  

O 10 de setembro de 1892, as vendedoras da praza de abastos de Ourense revólvense contra unha nova alza do imposto de consumos, negándose ao pago dos mesmo e sumando , ao pouco, o apoio da veciñanza. O conflito enmárcase  na vaga de protestas que percorre ás comarcas galegas ao longo dese ano e rematará coa morte do médico Arturo de la Torre e dous panadeiros, que falecerían días máis tarde a consecuencia das feridas.


A protesta asume a forma de loita antifiscal nun contexto de caída dos prezos ao produtor e de aumento da presión tributaria  a través do imposto de  consumos. O ciclo de mobilizacións que se inicia a comezos da década dos noventa do século XIX e que acada o seu momento álxido no verán de 1892, está asociada a unha abusiva presión fiscal nun momento de caída da renda como consecuencia do colapso da economía galega. 

O colapso da economía galega

A aposta proteccionista do goberno do Estado para salvagardar os intereses da grande oligarquía terratenente castelá e andaluza ligada á produción  de cereais  e á inserción dependente nunha economía mundo capitalista cada vez máis internacionalizada, remataron por afogar o complexo agrario, a un tempo  golpeado pola suba do prezo do millo, a quebra da produción vitivinícola como consecuencia da filoxera e o cambio de orientación do mercado gandeiro, após a perda definitiva do mercado británico, o que implicou unha baixada na renda dos labregos.

A filoxera arrasa as comarcas vitivinícolas

Ourense ocupa un lugar de destaque na onda de protestas que vivirá Galiza nos anos iniciais da década dos noventa do século XIX. Se para o conxunto do país debemos sinalar nese período as revoltas en Vigo, Pontevedra, Cervo, Fonsagrada, Viveiro ou Noia, para a area ourensá significaremos Castrelo de Cima en Riós, Ribadavia, Trives, Mugares, Toén, A Rúa, O Barco e Ourense.

A casuística particular destas comarcas, que nalgún caso se dedicaban á actividade vitivinícola en réxime de monocultivo, está asociada á extensión da filoxera no noso país, un insecto de orixe norteamericana que provoca a morte da vide europea ao atacar as raíces. As consecuencias desta pandemia foron dramáticas ao deteriorar de xeito definitivo as condicións materiais de existencia, aumentar a mortalidade por efectos da desnutrición, privar os campesiños do seu único medio de ingresos, provocar a expulsión das terras que traballaban aforadas e favorecer  o despoboamento masivo destas zonas.

A acción dos activistas republicanos e socialistas, nunha situación social e economicamente  explosiva, será decisiva na protesta

Ourense arde contra imposto de consumos

A faísca que provocou a revolta de Ourense será unha alza do imposto de consumos. O 10 de setembro de 1892 as vendedoras da praza de abastos de Ourense revólvense contra a decisión do goberno local que pretendía aumentar o aluguer dos postos de venda e duplicar a taxa do imposto dos consumos, negándose a facer efectivo os pagos e dando inicio a unha mobilización á que non tardou en sumarse a poboación da cidade.

Os manifestantes, fundamentalmente mulleres e labregos da contorna, non tardaron en comezar o asalto ás casiñas de consumo, por exemplo, seguindo a Vallejo Pousada, de violencia selectiva contra todo o que personificaba e sintetizaba o odiado imposto. Neste contexto son inutilizadas as basculas das oficinas de xestión dos impostos, prendéndolle lume ás existentes no campo da feira, no Posío e na ponte de Pelamios, comezando, mentres a cidade ardía, un enfrontamento coa Guarda Civil que tentou parar a protesta facendo uso das armas de fogo.

Arturo da Torre e dous panadeiros mortos polos disparos da Guarda Civil

A loita entre as persoas manifestantes e as forzas da orde prolongouse durante toda a xornada. Antes da proclamación do estado de guerra e da declaración da lei marcial, o comandante da Garda Civil Manuel Brasa, ordenou disparar contra a poboación, provocando varios feridos, entre eles moitas mulleres, e a morte do médico Arturo da Torre, que seguía a protesta desde o balcón do xornal El derecho.

O enterro de Arturo de la Torre converteríase nun grande acto de protesta contra a xestión do conflito por parte das autoridades, chegando a provocar a caída do Gobernador Civil e motivando un intento de procesamento contra Manuel Brasa a iniciativa de diversos sectores da cidade.

As particulares circunstancias da morte de Arturo da Torre, unha persoa nova que deixaba fillos pequenos, indirectamente serviu para agochar o autentico alcance da represión vivida na cidade, con arredor de dúas ducias de feridos graves. Dous deles, panadeiros, morrerían nos días seguintes. Centos de detidos e mesmo a necesidade de habilitar centros de detención excepcional, como o campo do concello, onde serán confinados moitos veciños e veciñas da área rural ourensá.

Os manifestantes percorren a cidade con bandeiras vermellas

A acción dos activistas republicanos e socialistas, nunha situación social e economicamente  explosiva, será decisiva na organización, dirección e trunfo da protesta. Á volta de 1977, Xosé Antonio Durán, no seu clásico traballo Agrarismo y mobilización campesina en el pais gallego (1875-1912), xa sinalou que “1892 é un ano chave para comprender a confluencia das tres tendencias(concentración anarquista, progresión socialista e activismo republicano)”.

Porén, a acción mancomunada da tradición republicana federal, de tanta presenza e arraigo na provincia, e as culturas políticas herdeiras da I Internacional, cuxa presenza xa se pode rastrear nos grandes conflitos de 1870 en Maceda ou de Valdeorras en 1873, terá continuidade nestas loitas de 1892, onde as crónicas de prensa, sinalaban que “algúns mozos apareceron levando bandeiras vermellas”.