As revoltas do pan en Narón

As revoltas do pan en Narón
Traballadoras da fábrica de textil de Xuvia en 1919, o ano seguinte á revolta.
Traballadoras da fábrica de textil de Xuvia en 1919, o ano seguinte á revolta.  

A Primeira Guerra Mundial non sucedeu en Galiza pero tamén sucedeu en Galiza. Os seus efectos no comercio internacional, combinados co eco que a Revolución Bolxevique deixou entre as clases subalternas, foron o caldo de cultivo de numerosas revoltas do pan. A Comisión Revolta Popular Marzo de 2018 quere rescatar as acontecidas en Narón cun amplo programa de actos.
 


“Estes acontecementos, completamente esquecidos, tiveron unha importante magnitude”, sinala Ángel Rial, do monllo de asociacións culturais e activistas que promoven a recuperación da súa memoria. O Estado español potenciaba, durante a Gran Guerra, a venda de trigo e outras materias primas aos países en conflito. Os mercados internos ficaban desabastecidos.

As mercadorías de primeira necesidade, relata o completo díptico distribuído pola comisión, foron pasto dos especuladores: pan, carbón, aceite ou cera. E o Goberno de Madrid, no canto de procurar vías de solución, agravou a carga sobre o pobo. Impuxo a deputacións e concellos a recadación de taxas de consumo. As revoltas adoitan acontecer, dicía Brecht, nas calexas sen saída. En marzo de 1918 en Ferrolterra, as saídas da calexa estaban clausuradas.

As protestas prenderon na feira de Xuvia e nas vilas de Neda e Narón os días 8 e 9, encabezadas por mulleres. O gobernador civil prohibira importar trigo e os prezos eleváranse á estratosfera. Dúas mulleres, Josefa Noval Luaces e Rosa Tenreiro Ameijeiras, remataron feridas de bala. A faísca xa se convertera en incendio.

Mulleres organizadas decidiron cortar o subministro de materias a Ferrol. As protestas derivaron en apedramento de negocios de acaparadores e especuladores -de aí o nome popular dos sucedidos: a Revolta das Pedradas. A bisbarra, de novo coas mulleres en primeira liña, xúntase a marchas e accións reivindicativas. En Ferrol, o día 11, son asasinados un neno de 12 anos -Juan Torres- e un mozo de 16, traballador do Arsenal, Valentín Dapena Pereira.

Mais o 13 de marzo en Sedes, Narón, os acontecementos atravesan o seu punto de inflexión. É día de feira. Sobre o alcalde e os concelleiros recae a sospeita de acaparadores “e querer vender trigo por riba dos prezos fixados”. Ademais, os impostos de consumo do concello dispararanse. A Garda Civil e tropas de infantería e cabaleiría, ás ordes do tenente Pedro Alcaide, disolven as multitudes. Houbo polo menos cinco mortos, entre eles Francisco Delgado Vilanova, Valentín Muíño, Manuel Romero Romero e María González e Fernández.

Tropas despregadas

“As tropas estiveron despregadas durante máis dunha semana por toda a comarca”, relata Ángel Rial, “en Maniños, os manifestantes asaltaban o tren. Os xornais de Madrid informaban das revoltas, aínda que as comunicacións estaba cortadas e censuradas”. Ao día seguinte, 6.000 obreiros percorren a distancia que separa Ferrol de Sedes para realizar unha foloral. “Dáse por sentado que se decretou o estado de guerra e a cidade atópase baixo mando militar”.

O 18 de marzo, os soldados iniciaron a retirada. En abril, o Goberno do Estado decretou amnistía, “pero 30 mulleres continuaban en prisión”. E as revoltas do pan de Narón pasaron á memoria popular. “Acontece que a Guerra Civil rachou o fío desa transmisión”, considera Rial, “porque en 1933, en pleno renacemento da República, xa se colocara un monumento en memoria dos mortos. Pero no 36, coo aconteceu en Sobredo, os falanxistas destruírono. A represión fixo que se apagase esta memoria”.

Os feitos de Sedes, en plena Restauración, foron outro síntoma do malestar social que atravesaba a nación galega. Campesiños amotinados, en rebelión, houbo en Oseira, en Nebra, en Gulllarei, en Sobredo. E tamén sufriron a brutal represión dun Estado que, co estertor da ditadura de Primo de Rivera, acabaría, debido á presión popular, transformándose na II República.

A Comisión Revolta Popular de Marzo de 1918 busca agora “tirar o pasado do esquecemento, colcar a lupa sobre el e non deixar que se apague unha vez pase o centenario”, en palabras de Rial. Na estación de comboios de Barallobre (Fene) descubrirán unha placa en recordo, en Neda Leandro Lamas pintará un mural e Narón fará o propio Xelo. Charlas por toda a comarca e un acto en Sedes o 18 de marzo conforman as próximas actividades programadas pola comisión.



x