Salvaterra fai memoria histórica: un alcalde republicano, un emigrante galeguista e un 'arredista' fusilado

Salvaterra fai memoria histórica: un alcalde republicano, un emigrante galeguista e un 'arredista' fusilado
Manuel Puente canda Castelao
Manuel Puente canda Castelao  

Lazoiro organiza nas Covas de Dona Urraca de Salvaterra unha mostra con fotografías, documentos e xornais da época.


A asociación Lazoiro organiza unha exposición que, baixo o nome 'A Nosa Memoria', procura dar a coñecer a historia local relacionada co alzamento franquista. A mostra é de entrada libre e decorrerá 21, 22 e 23 deste mes nas Covas de Dona Urraca. A exposición estará organizada con orde cronolóxica e os visitantes poderán coñecer a través das fotografías e diferentes montaxes explicativos a historia dos acontecementos daqueles días. Tamén terán a oportunidade de ollar obxectos da época ou xornais de relevante importancia local.

Ademais, o domingo 23 a partires das 17:00h terá lugar un acto homenaxe no que intervirán Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Paz Antón, historiador, investigador e escritor e tamén contará cunha actuación musical ao cargo do veciño de Salvaterra Fernando Abreu, profesor de música, membro do Cuarteto Caramuxo e 2u2 e da Banda Crebinsky.

Lazoiro, pretenderá dar a coñecer en especial a tres figuras de Salvaterra.

Manuel Mariño Méndez, nado na parroquia de Fiolledo, creou no ano 1913 a Sociedade Agraria de Fiolledo, Oleiros e de Salvaterra coa axuda dos emigrados na Arxentina. Foi concelleiro e o primeiro alcalde na II República. Sendo enlace da Unión Progresista do Distrito de Salvaterra de Miño en Bos Aires mercou os terreos para facer en Salvaterra a Casa Cooperativa Sindical ou Casa do Pobo (1927-1929). Delegado rexional no II Congreso da Federación Nacional de Traballadores da Terra en 1931 en Madrid. Co golpe de estado do 1936 tivo que agocharse na parroquia de Leirado e posteriormente fuxiu a Portugal, detido en Monçao durante uns meses, remataría nun penal de Lisboa que coa axuda do embaixador español logrou fuxir á zona republicana. Regresou a Galicia en 1947 con 65 anos de idade aproveitando un indulto de Franco para aqueles que non tiñan delitos de sangue. Viviu silenciosamente na parroquia que o viu nacer ate o seu falecemento o día 15 de febreiro de 1967 aos 85 anos de idade.

José Domínguez González, tenente de alcalde fusilado. Naceu na parroquia de Corzáns, con 16 anos emigra a Arxentina, traballou de panadeiro e foi sindicalista deste gremio. En 1920 foi membro da Comisión da Directiva recen fundada “Sociedad Juventud Progresista Hijos de Fornelos y Anexos de Buenos Aires”. Axudou na compra dun terreo para a escola de Fornelos, entre outros. Escribiu artigos para Acción Gallega ou o medio arredista 'A Fouce', de Bos Aires. Membro da independentista Sociedade Nazonalista Pondal de Bos Aires. A raíz do golpe franquista forma parte do Comité da Defensa da República, participa na requisa de armas, municións e ferramentas seguindo as ordes oficiais que emitía o Goberno. O 28 de xullo publícase un bando de guerra en Salvaterra e aínda que Domínguez permanecerá agochado en Corzáns, remata por ser detido, ingresou na prisión de Tui 11 de agosto, trasladado a Vigo para ser finalmente fusilado no monte do Castro en Vigo o 24 de febreiro de 1937.

Manuel Puente González, naceu na parroquia de Oleiros, en 1906 emigra a Bos Aires e aprende o oficio da xoiería. Funda no 1919 a empresa Manuel Punta y Cia, unha das maiores cadeas de xoiería e pratería da Arxentina. Foi fundador da dirección de Sociedad Anónima Industría Sérica Argentina, primeira fábrica de seda natural da Arxentina. Tivo diversos cargos, entre os que cabe destacar presidente da Cámara de Comerciantes Republicanos Españoles e fundador e primeiro presidente da Sociedade Unión Progresista de Salvatierra de Miño. Membro da Federación de Sociedades Galegas e a Irmandade Galega da Arxentina, socio do Centro Gallego, Centro Orensano, Centro Pontevedrés e outros. En 1929 viaxa a Salvaterra onde inaugura a Casa do Pobo. Funda xunto a Castelao e outros o Consello de Galiza, sendo Puente presidente da Comisión de Facenda. Costeou diferentes obras de Castelao, entre as que esta o Sempre en Galiza, Albumes de Guerra e as Cruces de Pedra. Sufragou tamén os gastos de Historia de Galicia de Otero Pedrayo e contribuíu a recadación de fondos para financiar a editorial Galaxia fundada no 1950. 



x