101 ANOS

"Somos un pobo con historia e espírito de rebeldía": a veciñanza de Narón lembra a Revolta das Pedradas

"Somos un pobo con historia e espírito de rebeldía": a veciñanza de Narón lembra a Revolta das Pedradas

A comisión da Revolta Popular realiza este domingo unha ofrenda floral para lembrar os 101 anos da Revolta que custou vidas humanas e levou á demisión de alcaldes e baixada de prezos de produtos básicos en 1918.


Este domingo a veciñanza da comarca de Ferrolterra volverá lembrar e homenaxear a Revolta de 1918. "Queremos lembrar que somos un pobo con historia e espírito de rebeldía", din desde a Comisión da Revolta Popular. O acto será este domingo, ás 12:30 horas, en Sedes.

A revolta sucedeu no contexto da I Guerra Mundial. “O estado español quere aproveitar o contexto e vende trigo e outras materias primas aos países en conflito desabastecendo mercados internos. En Galiza proliferan “acaparadores” subindo abusivamente os prezos de produtos de primeira necesidade e é neste contexto que o gobernador da Coruña prohíbe a saída de trigo cara Ferrolterra polo que perigan postos de traballo e case non se pode adquirir mesmo pan”, explican no manifesto que se vai ler esta cuarta feira.

As protestas prenderon na feira de Xuvia e nas vilas de Neda e Narón os días 8 e 9 de marzo de 1918, encabezadas por mulleres. Dúas mulleres, Josefa Noval Luaces e Rosa Tenreiro Ameijeiras, remataron feridas de bala. A faísca xa se convertera en incendio. Mulleres organizadas decidiron cortar o subministro de materias a Ferrol. As protestas derivaron en apedramento de negocios de acaparadores e especuladores -de aí o nome popular dos sucedidos: a Revolta das Pedradas-. A bisbarra, de novo coas mulleres en primeira liña, xúntase a marchas e accións reivindicativas. O día 13, na feira de Sebes, a Garda Civil e tropas de infantería e cabaleiría, ás ordes do tenente Pedro Alcaide, disolven as multitudes. Houbo polo menos cinco mortos, entre eles Francisco Delgado Vilanova, Valentín Muíño, Manuel Romero Romero e María González e Fernández

A revolta durará todo o e serán detidas mulleres que se lles condenará por “rebelión” con xuízos militares inxustos, elas baixo o lema “Temos fame! Abaixo os acaparadores” maniféstanse en Ferrol e todos os recunchos da comarca: asaltos dos trens en Fene con centos de mulleres deitadas nas vías do tren, comisión de mulleres en todas as vilas, apoio dos asteleiros e arsenal de Ferrol e Fene, folgas, mítines masivos e solidariedade, moita solidariedade. O eco chegou a media Europa e outras revoltas de mulleres teñen lugares en sitios como A Coruña, Vigo, Escairón baixo o lema “Aquí bastamos Nós!”.


Un monumento será erguido en 1933 en Sedes, onde un día 13 de feira caerán abatidas sete persoas por disparos da Infatería e Garda civil, pagado a través dunha colecta popular mais o fascismo tirarao en 1936. O monumento foi reinstaurado o ano pasado grazas ao compromiso veciñal.

Monográfico De Nós

O primeiro número do monográfico De Nós, editado por Sermos Galiza S.A., Rebeldía galega contra a inxustiza Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo, realiza un percorrido polos masacres máis significativos que tiveron lugar o século pasado na Galiza. Entre elas, “Transancos, marzo 1918: revolta popular coas mulleres na vangarda”, un traballo asinado polo historiador Francisco Rodríguez Sánchez.



x