ELISEO FERNÁNDEZ, HISTORIADOR

"Torrente Ballester tivo un protagonismo moi forte na Falanxe de Ferrol e tamén a nivel galego e estatal"

"Torrente Ballester tivo un protagonismo moi forte na Falanxe de Ferrol e tamén a nivel galego e estatal"
O historiador Eliseo Fernández
O historiador Eliseo Fernández  

O historiador Eliseo Fernández é o autor do último caderno monográfico A FONDO que acompaña o semanario en papel Sermos Galiza e que revela o activismo de Gonzalo Torrente Ballester na Falanxe. "Resulta complicado explicar como os anos chave da traxectoria vital dun personaxe do relevo de Torrente son hoxe practicamente ignorados", advirte na publicación. Conversamos con el sobre este traballo.


Sin títuloQue quería dar a coñecer con este A FONDO?

A idea era resgatar unha parte da nosa historia, de Galiza, a través dunha figura importante da literatura como é Gonzalo Torrente Ballester e sacar á luz unha etapa que, máis que pouco coñecida, foi pouco traballada. Parecía que había un desleixo sobre esa época, como se fose pouco interesante.

Por que ese silencio sobre a militancia falanxista de Torrente?

Eu creo que el non estaba orgulloso desa época, tentaba non falar dela. Sempre correu un tupido veo sobre o tema, saía do caso con catro pinceladas, dicía que tivera medo, que a familia o instara a buscar unha saída, que se afiliara por obriga...

E cal é a realidade?

Pode haber algo de verdade niso pero despois el empeza a ter un protagonismo dentro da Falanxe en Ferrol, a nivel galego e estatal moi forte. A el vémolo en mitins rechamantes, como foi o acto de afirmación Nacional-Sindicalista en Ferrol ou a homenaxe a Alemaña en que se proxectou o filme A forza da vontade, de Leni Riefenstahl, e en que o público saudou co brazo en alto cantando os himnos nazi e da Italia fascista. Pareceume sorprendente que non se dixese nada sobre isto cando, seguramente, quen traballou este tema podería sabelo. Un par de anos antes de asinar a carta en apoio aos mineiros asturianos, Torrente Ballester facía o último manual de formación do espírito nacional.

Precisamente, no A FONDO recolle que “non foi un simple militante fascista”.

El foi xefe de propaganda e contaba con responsabilidades importantes. Traballou máis na vertente intelectual. Foi un elaborador teórico, hai varios cadernos de formación, como os de estudos políticos, asinados por el e que representan as bases ideolóxicas do réxime fascista. Dicir que foi un simple militante que foi obrigado...

Que aconteceu para que mudase a chaqueta e pasase de ser amigo de Carvalho Calero ou de Johán Carballeira a ingresar nas filas da Falanxe?

Non desboto que o medo tivese que ver, pero a forma en que o asume non resulta agradábel nin esperta admiración. Estaban matando xente que era coñecida súa, amiga súa, e mentres tanto falaba nos mitins a favor do réxime que facía todo iso. Non sabemos xa onde está a honestidade, antes, despois ou nunca.

[Este caderno A FONDO publícase co semanario en papel Sermos Galiza número 347, á venda xa na loxa e nos quiosques]