A veciñanza recupera a memoria do Escolante galeguista de Soutolongo

A veciñanza recupera a memoria do Escolante galeguista de Soutolongo
Homenaxe a Victorino González, dirixente da Unión do Partido de Lalín de Bos Aires, en Cristimil en 1928, entres os participantes atópase Manuel González, o Escolante de Soutolongo. Foto: Historias do Deza.
Homenaxe a Victorino González, dirixente da Unión do Partido de Lalín de Bos Aires, en Cristimil en 1928, entres os participantes atópase Manuel González, o Escolante de Soutolongo. Foto: Historias do Deza.  

A peripecia vital de Manuel González é sintomática da maneira en que o século XX, as súas contradicións e os seus horrores, as súas esperanzas e as súas posibilidades, cruzaron Galiza. Mestre de Soutolongo (Lalín), republicano, galeguista, pedagogo, depurado en 1936 e exiliado interior, a súa figura marcou “varias xeracións de mozos da parroquia”, segundo o historiador Manuel Igrexas.


A asociación veciñal A Nosa Escola de Soutolongo recupera agora a memoria do coñecido como Escolante. Fíxoo o pasado domingo 16 de xuño cunha homenaxe a un home que, a dicir de Igrexas, “era moito máis ca un mestre, era un amigo e un conselleiro para toda a veciñanza”.escolante de soutolongo

González, o Escolante de Soutolongo -así asinaba as súas habituais colaboracións na prensa- nacera en 1903 en Botos, outra parroquia de Lalín. Alumno da Escola Normal de Pontevedra, inciouse na profesión docente na escola laica de Porreiros (Gresande, Lalín), financiada pola sociedade de emigrantes en Bos Aires Unión do Partido de Lalín. Alí entrou en contacto cos “principios pedagóxicos máis modernos”.

Na chegada da II República, González aprobou oposicións. Destinado nunha parroquia da Estrada, foi cando o seu labor político resultou máis activo. Fixo propaganda polo Estatuto e chegou a propoñer, lembra Igrexas nun artigo biográfico no blog Historias do Deza, a construción dun monumento a Pardo de Cela. En 1933 chegou a Soutolongo, o seu destino laboral definitivo.

Conferencias galeguistas á saída de misa, actos en conmemoración do 14 de abril, día de proclamación da República e “un intenso e innovador labor renovador na escola, con clases de agricultura ou excursións culturais” facían parte do seu traballo. Colaborador do Seminario de Estudos Galegos, asistiu á IV Asemblea do Partido Galeguista en 1935 e foi un dos oradores do mitin das Arengas no Día da Patria dese ano. En 1936 enrolouse na campaña electoral da Frente Popular en que se integrara o seu partido.

Mais o 18 de xullo todo mudou. Depurado como mestre, aínda que non sancionado “grazas ás relacións familiares da súa muller”, obrigaron a que se afiliase a Falange e a que redactase artigos laudatorios sobre fazañas imperiais españolas. “Os anos da ditadura foron para Manuel de exilio interior, aínda que mantivo algunha correspondencia cos galeguistas exiliados en América e a piques estivo de participar na monumental Historia de Galiza de Otero Pedrayo”, remata Manuel Igrexas a súa aproximación ao Escolante de Soutolongo. Que, xubilado en 1964, morreu unha década máis tarde.

Nota: imaxe de Manuel González, o Escolante de Soutolongo. foto: Historias do Deza.