Vigo rescata a súa memoria rebelde

Vigo rescata a súa memoria rebelde
Fundación 10 de marzo. Arquivo de Vicente A. Areces.
Fundación 10 de marzo. Arquivo de Vicente A. Areces.  

Camiño Noia, Xesús Sanxuás, Manolo Romero e Henrique Harguindey presentan o  12 de decembro a publicación na Libraría Cartabón.


A Libraría Cartabón acolle esta cuarta feira, 12 de decembro, ás 20:15 horas a presentación do volume “Galiza 1968. A consciencia avivada”, un acto no que participarán Xoán Colazo, membro do consello de administración de Sermos Galiza, Camiño Noia, coautora da publicación e participante nas protestas estudantís de 1968, Xesús Sanxúas, coautor da publicación e cadro relevante da UPG na clandestinidade, e Manuel Romero e Henrique Harguindey, coautores da publicación e impulsores do asociacionismo cultural galego.

Segundo sinalan as representantes da asociación cultural O Castro, “a publicación convoca a unha viaxe pola Galiza que espertaba na noite franquista, recuperando a memoria da rebeldía dunha xeración. A reorganización na clandestinidade das correntes políticas antifranquistas, a posta en marcha dun vizoso movemento cultural dedicado á defensa e divulgación da cultura galega, a revolta dos labregos do Val de Castrelo contra a política hidroeléctrica de Fenosa, as protestas dos universitarios composteláns, a aparición de Voces Ceibes ou as protestas obreiras en Vigo son algúns dos temas dos que se ocupa o volume”.

A publicación editada por Sermos Galiza na colección “De Nós” recolle unha serie de traballos dalgúns dos protagonistas directos daqueles feitos, entre eles Camiño Noia, profesora da Universidade de Vigo, que analiza o papel da muller nas loitas estudantís de 1968 en Santiago de Compostela. Pola súa banda Xesús Sanxúas, avogado vigués e responsábel da organización estudantil da UPG, recupera a loita dos estudantes galegos naquel marzo de 1968 e proceso de estruturación das organizacións políticas clandestinas. Ao tempo, Manuel Romero e Henrique Harguindey repasan o proceso de conformación do asociacionismo cultural galego, destacando o papel desenvolvo por estas entidades, entre elas a agrupación cultural Vigo, na defensa da cultura e identidade galega.

O acto de Vigo dálle continuidade as presentacións que se veñen realizando por diversas cidades e vilas galegas a esta nova monografía de Sermos Galiza que da continuidade as dúas publicacións editadas con anterioridade. O traballo significa o importante papel xogado pola zona de Vigo na oposición ao franquismo, significando as mobilizacións da clase traballadora que acadarían un punto destacado en setembro de 1972. Neste sentido no volume recollese unha longa entrevista a Camilo Nogueira a cargo de María Obelleiro onde se analiza o proceso de creación de Galiza Socialista, unha organización decisiva para entender as protestas de 1972  e o nacemento do sindicalismo nacionalista.