'MODESTO DA AMERICANA'

Vilar Insua, un nacionalista dirixente da agrupación guerrilleira ‘Tchapaief’

Vilar Insua, un nacionalista dirixente da agrupación guerrilleira ‘Tchapaief’
Vilar Insua
Vilar Insua  

Hai oitenta anos, falamos do primeiro de xuño de 1939, perdía a vida nun enfrontamento armado coas forzas represoras do franquismo no lugar de Menán en Ortigueira Modesto Vilar Insua, militante do Partido Galeguista, concelleiro nacionalista de Viveiro, loitador clandestino desde xullo de 1936 e un dos principais dirixentes das primeiras agrupacións guerrilleiras no norte galego.


Chamábase Modesto Vilar Insua pero todos o coñecían por 'Modesto da Americana' en relación con aquel negocio aberto polos pais en Viveiro após a súa estadía en Cuba.

Fillo da emigración, a documentación non se pon de acordo se naceu en Sagua la Grande (Cuba) ou en Bos Aires (Arxentina) en 1916, residiu os seus primeiros anos na illa do Caribe para retornar posteriormente a Viveiro, iniciando posteriormente pola súa conta dúas experiencias emigratorias en Arxentina e Cuba para instalarse definitivamente nas terras da Mariña a volta de 1932.

Militante do Partido Galeguista, concelleiro nacionalista de Viveiro, loitador clandestino desde xullo de 1936 e un dos principais dirixentes das primeiras agrupacións guerrilleiras

Estudante de maxisterio na Coruña, profesor de ciencias na Escola de Traballo de Viveiro, a súa vocación científica ficou retratada nas liñas que lle dedica nas súas memorias o seu amigo Lois Tobío, compañeiro de sesións de hipnose, que o lembraba como persoa seria e introvertida, “amigo dos experimentos e da investigación que noutro ambiente máis propicio tería chegado a ser un bo investigador ou inventor”.

Fixo parte daquela segunda fornada de patriotas que dirixiu o nacionalismo en Viveiro durante a II república

Fixo parte daquela segunda fornada de patriotas que dirixiu o nacionalismo en Viveiro durante a II república. Afiliado ao Partido Galeguista desde 1933, aparece o 25 de xullo dese ano presentando o acto organizado polos galeguistas de Viveiro no Hotel Comercio para celebrar o Día da Patria Galega e no que tomaron a palabra Ramón Vilar Ponte, o vello irmandiño Emilio López Trasancos e Bernardino Núñez, dirixente do PG e da CNT condenado en 1936 a cadea perpetua.

Nomeado concelleiro por designación gobernativa en febreiro de 1936 canda os tamén nacionalistas Cesar Parapar Sueiras, Xavier Soto Valenzuela  e Balbino Cerdeiras Rei, tomará a palabra en representación do Partido Galeguista para agradecer a disposición da corporación de Viveiro de homenaxear a Antón Vilar Ponte que viña de falecer, propoñendo que se creara unha comisión presidida polo alcalde para organizar os actos e que se lle dese o nome do ilustre patriota a un dos edificios escolares que se ían a construír.

Após participar na resistencia ao alzamento fascista na súa localidade pásase á clandestinidade

Non agardou a morte a cuberto. Após participar na resistencia ao alzamento fascista na súa localidade pásase á clandestinidade canda outros demócratas viveirenses, aparecendo o seu nome o 7 de agosto de 1936 nunha listaxe de fuxidos desta localidade publicada no diario El Progreso, sendo posteriormente xulgado en rebeldía en 1937 e condenado a morte. O 23 de xuño dese ano en compañía doutras persoas que xogarían un papel destacado na conformación da loita guerrilleira en Galiza como os irmáns Benedicto e Cesareo Díaz Fuentes, Xesús Iglesias Escourido, Francisco Gómez NúñezTrostky”, participa no intento de asalto da tarrafa viveirense Nosa señora das Dores co obxectivo de fuxir á area do Cantábrico en mans do goberno republicano e sumarse á loita contra o fascismo do exército popular.

Morreu coas armas nas mans enfrontándose a ditadura

Morreu coas armas nas mans enfrontándose a ditadura. Á volta de novembro de 1938, canda outros 14 ou 15 fuxidos das terras de Ortegal e A Mariña, participa na constitución da primeira agrupación guerrilleira de Galiza, a ‘Agrupación Tchapaief’, cuxa dirección está conformada polo socialista Luís TrigoO Gardarríos’ como secretario xeral, polo comunista Xosé Castro como responsábel de propaganda e polo libertario Xosé NeiraO Neira’ como responsábel de arquivos.

Nesa mesma xuntanza encomendáselle a Vilar Ínsua a elaboracións dos estatutos da agrupación así como a preparación dun plan de golpes económicos, porén o de Viveiro será asasinado nun enfrontamento armado en Menán-Ortigueira o 1 de Xuño de 1939 após ser cercado polas forzas da orde pública nunha cova onde se atopaba agochado canda Amandino Neira, militante da UXT de Santa María de Mera-Ortigueira, que tamén perdeu a vida nese combate.