DÍA DA GALIZA MÁRTIR

Violacións, rapas e humillacións: a represión de xénero

Violacións, rapas e humillacións: a represión de xénero
[Imaxe: Cedida por "A memoria das mulleres"] Juana Otero, mestra de Vilagarcía, rapada
[Imaxe: Cedida por "A memoria das mulleres"] Juana Otero, mestra de Vilagarcía, rapada  
Con motivo do Día da Galiza Mártir recuperamos a memoria daquelas mulleres que sufriron crimes de xénero durante a represión: agresións sexuais, torturas e vexacións brutais. Aínda que esta modalidade de represión non adoitaba ser obxecto de denuncia por pudor ou vergoña, chegaron até nós testemuños do sadismo sexista.

A Custodia Gama, con dous irmáns fuxidos, rápana e obrígana a pasear polas rúas de Pontevedra cun cartel nas costas, e outro no peito, que reza Roxa. A Pastora e Cándida Cordal, irmás de Castor, outro home escapado, sácanas da casa e fanas bailar espidas no centro de Cambados. A Encarnación Rodríguez bótanlle por riba sulfato con cal para as viñas e para evitaren queimarse, rápana e déixana cega para sempre. Despois viólana diante de seu home, Nicanor Barreiro, ao que antes lle rompen as pernas.

A Carme Jerez, da Fervenza (Vilamartín de Valdeorras), préndena en 1946. Queren que delate a Abelardo Macías, O Libre e durante 10 meses é sistematicamente violada en grupo nos cuarteis da Rúa e de Cortegada e abandónana cun tiro. Paséana cando está encinta de catro meses. Emilia Cabaleiro, natural de Redondela, é unha nai solteira que traballa no campo co seu fillo Antonio. De casa humilde, comparte a escaseza e a bondade, tal e como revela o investigador Luís Bará na obra Non des a esquecemento. O 13 de febreiro de 1937 decrétase a “cazaría humana” que dá pé a tres días de martirio en que Emilia e Antonio son acosados para descubrir a quen lle levan comida, tabaco e xornais.

Conta a memoria do pobo que Emilia tiña os peitos seccionados e que lle meteran na boca o pene e os testículos de seu fillo

“Non había límites para a aldraxe, para a humillación, para o terror, para os signos do medo”, recolle a obra, era “a mensaxe do horror, o aviso para quen protexía os perseguidos”. O 16 de febreiro aparecen os corpos de Manuel Vázquez, Hixinio Fernández e Antonio Alonso na parroquia de Chapela, onde tamén dan cos corpos torturados e mutilados de Emilia e Antonio. “Conta a memoria do pobo que Emilia tiña os peitos seccionados e que lle meteran na boca o pene e os testículos de seu fillo”, agrega o libro.

A memoria tamén conta que Rosario Hernández, A Calesa, sofre a rapa e a violación. Tortúrana até o asasinato e córtanlle os peitos. A súa familia nin dereito a bágoas ten, pois fondean o seu corpo perto das illas Cíes. Nunca voltou do mar. Grazas ao labor de asociacións da memoria e de historiadoras e historiadores, contamos por ducias os testemuños que evidencian a represión sexista entre 1936 e 1939 e alén dese período. E é que a barbarie dos falanxistas non caeu só sobre as costas dos homes.

Cortes de pelo ao cero, purgas con aceite de rícino e agresións sexuais foron castigos específicos que sufriron as represaliadas, quen non só pagaron polo seu activismo político ou social, senón por seren familiares de homes que loitaron pola liberdade da nosa nación.

As características da represión sexista

“Sendo imposíbel cuantificalas, nos primeiros meses após o golpe de Estado as rapas foron unha práctica moi estendida”, sinala, en declaracións a Sermos Galiza, o profesor de Historia Contemporánea na USC e coordinador do proxecto “Nomes e Voces” Xulio Prada. “Tampouco podemos cuantificar as violacións nin termos unha idea medianamente aproximada das que puideron existir por motivos políticos”, engade sobre a complexidade das agresións sexuais no contexto da represión.

Xulio Prada, autor dun dos artigos do libro editado por Sermos Galiza Os nomes do terror, asegura que durante as súas investigacións non observou incremento ningún de denuncias por violacións durante a época, “mais un non pode deducir nada porque nese clima de terror a muller non podía denunciar unha violación”. Malia a falta de testemuños escritos, é contundente ao asegurar que existiron as agresións sexuais como forma de represión e que mesmo se empregaron os ideais políticos “como escusa” para violar mulleres. As violacións “non só afectaban as mulleres de perfil avanzado, senón as que respondían ao estereotipo de muller máis tradicional, por seren estas familiares de fuxidos ou obxecto de desexo dalgún home”.

As violacións “non só afectaban as mulleres de perfil avanzado, senón as que respondían ao estereotipo de muller máis tradicional, por seren estas familiares de fuxidos ou obxecto de desexo dalgún home”

A importancia da memoria oral

A xornalista Montse Fajardo é unha das estudosas que máis ten traballado no resgate da memoria das mulleres. “Dise que elas son moitas menos en cantidade porque só se contan as asasinadas, as presas… mais déronse moitísimas máis agresións sexuais das que nós pensamos”, afirma, en conversa con Sermos Galiza. Neste sentido, defende os testemuños orais como ferramenta para investigar as tipoloxías de represión que sufriron as galegas, “sabemos que a memoria oral hai que traballala con coidado, mais é un instrumento imprescindíbel para sabermos das rapas e das violacións”.

“A represión contra todo o que era feminino non ficou reflectida en documentos como tampouco ficaron rexistradas moitas das encarceradas, como Josefina Arruti, muller do primeiro alcalde republicano de Pontevedra [Bibiano Fernández Osorio-Tafall]. Josefina pasou 18 meses na prisión e non hai papel ningún que o ratifique”, exemplifica.

Fajardo: “Os cívicos visitaban as mulleres noite tras noite e facían con elas o que querían, desde abusos sexuais até malleiras, e iso cada noite, unha, outra e outra"

“A elas non só as agredían polos seus ideais, senón polo simple feito de gardar parentesco cos homes perseguidos”, salienta Montse Fajardo, quen agrega unha outra característica da represión de xénero: o acoso psicolóxico. “Os cívicos visitaban as mulleres noite tras noite e facían con elas o que querían, desde abusos sexuais até malleiras, e iso cada noite, unha, outra e outra. Non é de estrañar que moitas delas acabasen en psiquiátricos, ao igual que moitas viúvas dos asasinados que tiñan que convivir cos represores”, explica. A autora de Un cesto de mazás lembra o caso de Antonia Pardo, muller de Camilo Díaz Baliño, “o propio Isaac [Díaz Pardo, o fillo] contaba como a súa nai perdera a cordura logo do asasinato de seu home”.

O aspecto cualitativo

O historiador Dionisio Pereira, un dos coordinadores de Os nomes do terror, aposta en estudar a represión contra as mulleres como peza separada a respeito dos homes polas características que a distinguen. “Entre 1936 e 1939 é unha represión cuantitativamente pouco importante. Seguindo as cifras de Nomes e Voces [proxecto do que forma parte], das 14.700 persoas represaliadas, 635 son mulleres e 71 foron asasinadas”, afirma o especialista, quen advirte da extraordinaria importancia do aspecto cualitativo desta represión que pretendeu “destruír non só de maneira física, senón psicoloxicamente as mulleres”.

Pereira subliña a necesidade de avanzar no estudo da violación da muller “como arma de guerra”. Ademais de castigar as mulleres que se atrevían a transgredir os valores da época, exerceuse a represión sobre as mulleres cuxos achegados estaban na guerrilla. “Non temos cifras fiábeis sobre a represión daquelas que actuaban como enlaces ou axudaron a quen estaban no monte, mais foi un fenómeno moi importante”, engade.

Pereira: “A humillación tiña diversas formas, como a rapa e o aceite de rícino porque divertía moito, entre os falanxistas, pelar as mulleres e velas espidas no centro da vila facéndose as súas necesidades”

“A humillación tiña diversas formas, como a rapa e o aceite de rícino porque divertía moito, entre os falanxistas, pelar as mulleres e velas espidas no centro da vila facéndose as súas necesidades”, expón Dionisio Pereira, que advirte, á marxe das violacións, de “casos realmente horríbeis que preferiría non describir”.

O adoutrinamento como represión

A profesora María Xesús López Escudeiro é outra das voces autorizadas que máis teñen estudado a represión contra as mulleres. “Cando vas falar cos familiares o primeiro que din é que a figura verdadeiramente importante era a masculina, non asumen as mulleres como verdadeiros suxeitos históricos”, lamenta a investigadora, “ás veces nin sequera son conscientes de todo o sufrimento que estas mulleres padeceron”. Entre as paredes dos cárceres de mulleres tamén se filtrou o sexismo, “as condicións delas nas cadeas eran moito peores que as deles, eran menores os orzamentos asignados a elas”. “Ademais, as mulleres sufriron adoutrinamento nos cárceres porque os falanxistas trataban de destruír a semente de rebeldía e insubmisión. De aí que a Igrexa católica se afanase en acabar co laicismo delas ou co seu carácter de mulleres libres. A cuestión era reeducalas, de aí esa represión psicolóxica e moral”, expón.

López Escudeiro: "Practicaban toda clase de crueldade e asañamentos, como a vexación física e a violación”

María Xesús López Escudeiro investigou sobre o corpo da muller como botín de guerra na represión. “Sobre todo aconteceu nos primeiros meses, cando había máis impunidade e actuaban as forzas paramilitares”, sinala, “practicaban toda clase de crueldade e asañamentos, como a vexación física e a violación”. “Eran capaces de cometeren todo tipo de barbaridades que, ao cabo, eran actos exemplarizantes contra elas”, salienta.

As violacións, a forma máis característica

Xosé Ramón Ermida, autor de Mortos por amor á terra e un dos coordinadores de Os nomes do terror, ambas as obras editadas por Sermos Galiza, pon de manifesto que a violación “é a forma máis caracterizada” da “represión sexuada”. “Violábase nos cárceres, nos campos de concentración, nos centros da Falanxe, nas casas das vítimas e violábase calquera muller de compromiso ou práctica democrática. Violábase como materialización da humillación da derrotada pero tamén como demostración do poder que os homes exercen sobre as mulleres. Tratábase de demostrar quen eran os vencedores”, afirma.

Juana Doña testemuñou que as violacións tiñan a ver “co sadismo de sentir baixo eles uns corpos que se desgarraban de horror nun acto que estaba feito para o pracer"

Ermida alude ás memorias da presa comunista Juana Doña, quen testemuñou que as violacións tiñan a ver “co sadismo de sentir baixo eles uns corpos que se desgarraban de horror nun acto que estaba feito para o pracer, converténdose, por tanto, na reafirmación do machismo”. “Debemos suplir a falta dun estudo de conxunto sobre este tema na Galiza cos dados que nos fornecen traballos sobre a represión franquista no ámbito comarcal.

Así coñecemos, entre outras, as violacións da pedagoga da Coruña Juana Capdevielle e da mestra de Miño María Vázquez, unha e outra asasinadas. Outro tanto acontece con algunhas vítimas do masacre de Montecubeiro (Castroverde), como Manuela Graña; coa veciña de Navia, asasinada en Cangas de Foz, María del Carmen Pérez y García, ou con Anuncia Casado Atanes “A Pasionaria”, unha labrega de Viana do Bolo que foi violada antes de ser asasinada”, sinala o investigador.

As invisibilizadas

Os nomes e apelidos de mulleres que recollemos nestas liñas complétanse cos milleiros de mulleres silenciadas, condenadas ao ostracismo, que foron vítimas da barbarie fascista. Todas elas tamén son símbolos da Galiza Mártir polo seu amor á terra e á liberdade.

As que quedaron

A investigadora Montse Fajardo, que forma parte do equipo de persoas que traballan no proxecto pioneiro do Concello de Pontevedra “A memoria das mulleres”, unha iniciativa que conta desde hai cinco anos cun orzamento dedicado a resgatalas, as invisibilizadas, salienta a necesidade de incluír como vítimas as que ficaron. “Amalia Álvarez, viúva de Alexandre Bóveda, non é considerada vítima da represión, mais mulleres como ela para nós si o son”, sinala.

Amalia chegou a sufrir até o cuspe, no veo de loito, dunha veciña ao pouco de ficar viúva

Amalia chegou a sufrir até o cuspe, no veo de loito, dunha veciña ao pouco de ficar viúva. As súas nenas tamén foran sinaladas, tal e como admitía nunha entrevista publicada no número 259 de Sermos Galiza a filla menor do patriota. “Amalia Álvarez quedou con cinco criaturas que despois tivo que sacar adiante, mesmo lle puxeran trabas para conseguir os papeis logo de aprobar as oposicións de Facenda”, lembra Fajardo, quen chama a atención sobre as viúvas de “traballadores do común que despois foron marcadas por roxas e que mesmo foron expulsadas dos seus empregos”.

A todas esas outras vítimas non recoñecidas, marcadas no social e con frecuencia arruinadas no económico, o semanario Sermos Galiza dedícalle desde 2016 a sección mensual “De memoria”, coordinada pola xornalista e investigadora Carme Vidal e na que teñen colaborado a propia Fajardo e María Xesús López Escudeiro.

O caso de Emilia Docet, do Partido Galeguista

Emilia Docet, que participou no Mitin das Arengas da Quintana, con Castelao, Vilar Ponte ou Bóveda, aproveitaba as entrevistas e actos públicos en que participaba, no seu papel de gañadora de concursos de beleza, para defender Galiza. Nunha desas conversas, afirmou: “A maior alegría da miña vida será o día en que á nosa terra se lle conceda o seu Estatuto”. Portaba no peito unha insignia de ouro, agasallo do Partido Galeguista, por ser militante da formación nacionalista. Declarara ao respecto que “vería con inmensa satisfacción que todas as mulleres de Galiza a levasen, coma min, no seu peito”.

Segundo o libro O que fixeron en Galicia (Edicións A Nosa Terra), Emilia Docet foi vítima “dun asalto violento cando estaba de garda como enfermeira no hospital militar do Rebullón”. “Se ben saíu intacta a súa honestidade, non escapou sen terríbeis rabuñadas e contusións que foron o escándalo de toda a cidade”, agrega. Os cuarteliños da Falanxe, segundo esta obra, viraban en “bordeis” durante a noite. “As proposicións indecorosas e as chantaxes ás mulleres consideradas esquerdistas ou que teñen algún membro da familia encarcerado están á orde do día”, afírmase en O que fixeron en Galicia.

[Esta reportaxe foi publicada no número 309 do semanario en papel Sermos Galiza, publicado en agosto de 2018 e á venda na loxa]