Viva a república social e federal! A rebelión dos Galaicos de 1873

Viva a república social e federal! A rebelión dos Galaicos de 1873
[Imaxe: SG]
[Imaxe: SG]  

É unha expresión da oposición galega a política centralizadora do Goberno do Estado. Exemplifica a vinculación histórica entre a cuestión nacional e social evidente ao longo de todo o século XIX e tamén do XX. Significa, tamén, como aquelas posicións máis avanzadas no social teñen o seu correlato nunha alternativa de vangarda no nacional. Estamos, á fin, diante dunha das múltiples manifestacións da rebeldía galega coa reivindicación nacional como bandeira.


O 6 de agosto de 1873 un grupo de voluntarios francos coñecidos como os “Galaicos”, que combatían as partidas carlistas nas terras de Trives, O Bolo, Valdeorras e Quiroga, revólvense contra o Estado ao berro de “Morra o goberno” e “Viva a república social e federal” para demandar unha nova estruturación territorial do Estado español e opoñerse á involución reaccionaria do goberno da I República tras o nomeamento de Salmerón como primeiro ministro.

O levantamento, caracterizado como cantonalista por parte da prensa da época, conecta co programa doutras tentativas revolucionarias xurdidas na altura no país, cualifica a Madrid “como a besta que rouba e oprime a Galiza” e reivindica a constitución do “Estado galego”. Ao tempo, denuncian o xiro do goberno tras a caída do executivo de Pi Margall, critican os republicanos unitarios por abrirlles as portas do poder á reacción e aos monárquicos e esixen un avance nas políticas sociais cunhas propostas moi próximas ás formuladas polos internacionalistas.

A revolta dos “Galaicos” é doada de seguir pola grande atención que lle prestou a prensa galega e estatal do momento. O movemento, de dirección e composición republicana federal pero cun pouso importante das teses da I Internacional, arrancou na Pobra de Trives “ás catro da mañá do día 6 co saqueo de varias casas, entre estas as de D. Xoán Domínguez, D. Xoán Casanova, D. Clemente Álvarado e D. Cándido Rodríguez”, continuando, “apropiáronse dos fundos públicos, arrestaron e desarmaron os individuos do posto da Garda Civil e incluso o capitán señor Luaces, queimando a correspondencia que conducía o correo de Castela a carón da ponte de Bibei”. Os perto de catrocentos combatentes avanzaron camiño do Barco de Valdeorras, onde “se lle incorporaron os individuos destacados neste último punto ao mando do comandante don Francisco Roca Arderol”, séndolle imposíbel tomar esta vila pola acción da Garda Civil e das unidades do exército deslocadas na mesma.

A rápida resposta gobernativa que enviou ás zonas do conflito reforzos, o importante despregue militar existente na zona derivado da contenda carlista e a imposibilidade de apoio por parte das importantes agrupacións republicanas federais existentes na zona condenaron a revolta ao fracaso desde os primeiros momentos. O mesmo 7 de agosto “Os Galaicos” vense obrigados a iniciaren unha fuxida cara a Portugal, cruzando por Xinzo, chegando á Gudiña e pasando a fronteira portuguesa pola freguesía de Carballas o 10 de agosto, onde o grupo de arredor de 300 persoas é desarmado e conducido ao Forte de San Xulián, situado no concello de Oeiras, perto de Lisboa, onde permaneceran confinados durante practicamente un mes. Finalmente, o 10 de setembro, 208 “Galaicos” exiliados en Portugal embarcan en Lisboa no vapor Jhon Elder con destino ao Brasil, contratados para traballar na obra do ferrocarril de Río de Xaneiro a Campos.

A revolta dos “Galaicos” non é unha excepción na dialéctica política da Galiza do sexenio, onde a poderosa organización republicana federal, nalgúns casos en parcería cos cadros internacionalistas, protagonizaran importantes revoltas con grande apoio popular. Sen ir máis lonxe, na propia área de actuación dos voluntarios francos, concretamente no concello de Viana do Bolo, o 8 de decembro de 1873 revólvense catrocentos veciños que, cunha bandeira vermella á cabeza, deciden tomar a casa consistorial “queimando a documentación” e obrigando a fuxir o alcalde e os concelleiros. Máis unha vez, como recolle o xornal madrileño La Iberia, “o telégrafo comunicounos a triste nova da sublevación de 400 homes ao berro de viva a república federal social”.