A GALIZA IGNORADA

Xoán de Gante, duque de Lancaster e rei da Galiza

Xoán de Gante, duque de Lancaster e rei da Galiza
Xoán de Gante e Xoán I de Portugal ceando canda outros membros da corte. Fonte: Miniatura da Crónicas de Jean de Wavrin do século XV.
Xoán de Gante e Xoán I de Portugal ceando canda outros membros da corte. Fonte: Miniatura da Crónicas de Jean de Wavrin do século XV.  
O 25 de xullo de 1386 desembarca na Coruña, á fronte dun exército de 7000 soldados, Xoán de Gante. A chegada ao país do fillo do monarca británico Eduardo III é resultado dun acordo entre a Coroa británica e a nobreza galega, que apostaba nun monarca comprometido cunha Galiza arredada de Castela, unida a Portugal e ligada aos pobos atlánticos. Achegamos a memoria de Xoán de Gante, duque de Lancaster e rei da Galiza. Eis un extracto da información publicada no número 357 do semanario en papel Sermos Galiza.

m_6_FS_GalizaIgnoradaA revolución galega do século XIV é a expresión dunha alternativa que aspira tronzar a dependencia do país dunha Castela hexemónica na área peninsular e desexosa de reforzar o seu dominio mediante a conquista dos outros reinos.

A alternativa das nosas clases dirixentes, lideradas por Fernán Ruíz de Castro, recupera o programa xa defendido na segunda metade do século XIII polo partido galego e concretado nunha Galiza arredada de Castela, unida a Portugal e ligada aos pobos atlánticos.

Os sucesos da segunda metade do século XIV son a expresión dun movemento de carácter nacional-popular que se alonga desde 1357 até 1386 con diversos protagonistas e liderados e que só pode ser derrotada pola acción violenta de forzas alleas a Galiza. A actuación combinada das tropas castelás e fundamentalmente dunha forza mercenaria de carácter multinacional, onde se destacaban o corpo das Compañías Brancas, decantaría a derrota do país e abriría a porta a unha brutal represión que remataría coa substitución dos nosos sectores dirixentes.

A morte de Pedro I e o fracaso da alternativa de Fernando I levaran ao partido galego a apostar en Xoán de Gante como candidato ao trono. O asasinato de Pedro I en Montiel en 1369 deixou Galiza sen un monarca que representase os intereses da nosa maioría social, como demostrou a continuidade da rebelión durante practicamente vinte anos após a morte do monarca.

Ao pouco da súa morte, o rei portugués Fernando I, seguindo as indicacións do núcleo na súa Corte, dirixido por Nuno Freire de Andrade, mestre da poderosa Orde de Cristo, e Alvar Pérez de Castro -irmán da raíña Inés e de Fernán-, pon camiño a Galiza, apoiado polo mesmo grupo social que militaba no partido dos Castro e polos sectores exiliados, sendo recibido como un auténtico liberador polos galegos.

O fracaso militar da tentativa de Fernando I e a derrota dos exércitos galegos de Fernán Ruíz de Castro en Porto de Bois a mans das compañías internacionais que apoiaban Henrique de Trastámara, puxeron os ollos galegos en Xoán de Gante.

[Podes ler a información íntegra no número 357 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]