SERMOS DESVELA UN VELLO MISTERIO

Un xornal compostelán informou en 1898 do uso da bandeira galega no traslado dos restos de Rosalía

Un xornal compostelán informou en 1898 do uso da bandeira galega no traslado dos restos de Rosalía
Redacción de La Gaceta de Galicia, fotografada en 1904. O terceiro pola esquerda é o seu director, Antonio Fernández Tafall
Redacción de La Gaceta de Galicia, fotografada en 1904. O terceiro pola esquerda é o seu director, Antonio Fernández Tafall  

Fica resolvido un vello misterio, unha peza máis por encaixar no puzzle rosaliano. En 10 de setembro de 1898 un xornal de Buenos Aires, El Eco de Galicia, aseguraba que a última vez -e talvez a primeira- que se vira a bandeira galega en público fora en maio de 1891, durante o acto de traslado dos restos da poeta nacional do cemiterio de Adina ao de Bonaval. El Eco de Galicia aludía a un colega xornalista como fonte da información, mais non a identificaba. Sermos está en condicións de despexar a incógnita: a noticia apareceu orixinariamente no xornal compostelán La Gaceta de Galicia.


En 10 de setembro de 1898, un xornal de Buenos Aires, El Eco de Galicia, publicou un artigo intitulado La bandera de Galicia en que se lamentaba do escaso emprego da enseña nacional galega en actos públicos e, a seguir, citaba unha excepción, a única que lle constaba. Tratábase do acto de traslado dos restos de Rosalía. Na cerimonia si tería ondeado a bandeira galega.

"Sólo recordamos una solemnidad en que vimos el pabellón gallego desplegado a los vientos: fue cuando aquel puñado de escritores, en unión con la Sociedad Económica, llevaron a cabo la traslación de los restos de la gran Rosalía Castro desde el cementerio de Iria Flavia al templo de Santo Domingo de Compostela. Desde entonces no lo hemos vuelto a ver más”, así rezaba o artigo de El Eco de Galicia.

Mais o arxentino El Eco de Galicia non citaba a fonte da información. Ao longo do tempo, distintas investigacións sobre Rosalía tentaron identificar a orixe da noticia en van. O misterio fica agora desvelado: o artigo en que se facía constar o uso da bandeira galega no acto de traslado dos restos de Rosalía apareceu en xuño de 1898 nas páxinas do xornal compostelán La Gaceta de Galicia.

Naquela altura dirixía ese rotativo Antonio Fernández Tafall, fillo de Manuel Bibiano Fernández, propietario e primeiro director do xornal.

A referencia de La Gaceta de Galicia ao aparecimento da bandeira nacional galega nun acto público tan sinalado non pasou desapercibida na imprensa galega. Destarte, a Revista Gallega de A Coruña -no seu número 173, publicado en 3 de xullo de 1898- alude ao artigo do xornal de Fernández Tafall e, para restarlle importancia ao achado do rotativo compostelán, indica que a enseña galega tamén se exhibira en público na cidade coruñesa nun acto en 1893.

E non só apareceu na imprensa coruñesa, en xullo de 1898 dúas publicacións de Lugo -El Lucense. Diario Católico e La Idea Moderna. Diario democrático de Lugo- tamén se fixeron eco da información de La Gaceta de Galicia, coa reprodución literal da noticia da publicación santiaguesa.


Foi a consulta destes meios lucenses a que permitiu a Sermos estabelecer con certeza a fonte da que tirou a súa información o diario de Buenos Aires que á altura de 1898 se perguntaba por que na Galiza se facía un uso tan infrecuente da bandeira galega nos actos públicos, xusto nun momento -en plena guerra hispano-yankee polo control das colonias de Cuba e Filipinas- en que se producía unha sobre-actuación da enseña española.

A publicación desta noticia en varios meios demostraría, segundo Xoán Costa, autor do achado, "que había un movimento organizado en algúns órgaos da imprensa galega que, fronte á exaltación da bandeira española, quixeron pór de manifesto a existencia tamén en actos públicos da bandeira galega". "Fai máis críbel a hipótese de que a primeira vez que se usase a enseña do noso país fose precisamente no acto de traslado dos restos de Rosalía, cuxo 126 aniversario comemoramos xustamente este 25 de maio".