A Xunta pro Devolución pide á Xunta que impugne a venda do Pazo de Meirás polos Franco

A Xunta pro Devolución pide á Xunta que impugne a venda do Pazo de Meirás polos Franco

Urxe o Estado a que inicie a demanda civil no xulgado de Betanzos


A Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás solicitará á Xunta que impugne unha  eventual operación de venda da propiedade por parte da familia Franco, pola súa condición de BIC. Na xuntanza decidiuse instar os gobernos do Estado e a Xunta a que se poñan de acordo de maneira inmediata e urxen tamén o Estado a que inicie a demanda civil no xulgado de Betanzos e a inscrición do Pazo no rexistro da propiedade, como indican os informes xurídicos xa existentes.

A Xunta reuniuse esta sexta feira na sede da Deputación da Coruña co fin de avaliar a nova situación creada despois da manifesta intención do neto de vender a propiedade para eludir o proceso de recuperación como ben público.

Representantes de institucións e entidades presentes na reunión coincidiron en que se trata dun momento de "excepcionalidade máxima" que cómpre aproveitar para r”ematar co espolio e recuperar o Pazo de Meirás para propiedade pública”.

A Xunta pro Devolución alerta de que está a rematar o prazo de tres meses que a lei dá á Xunta de Galicia para exercer o dereito de tanteo para a compra do Pazo de Meirás, pola súa condición de BIC.

Á reunión asistiron a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, o alcalde e concelleiros de Sada, Benito Portela e Francisco Montouto e o concelleiro da Coruña, José Manuel Sande ademais de Marilar Aleixandre pola Real Academia Galega, Ernesto Vázquez Rey Farto pola Iniciativa Galega pola Memoria, Fernando Souto, pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña; Emilio Grandío e Xabier Ferreira, autores dos informes histórico e xurídico encargados pola Deputación da Coruña, Xulia Santiso pola Casa Museo Emilia Pardo Bazán e os investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez, especialista en historia do Pazo de Meirás.