ADOLFO MUÍÑOS, ALCALDE DE RIANXO

"É a Xunta quen ten que capitanear a compra da casa natal de Castelao"

"É a Xunta quen ten que capitanear a compra da casa natal de Castelao"
Imaxe: Fotos de Rianxo
Imaxe: Fotos de Rianxo  

'A derradeira leición do mestre', en Galiza.


Que valoración fai da chegada, por vez primeira a Galiza, desta obra?

Indubidabelmente teño un sentimento de moita ledicia por poder ver en vivo unha obra de tan fondo significado para o país. Temos que ter en conta que non estamos diante dun cadro máis, senón dunha obra diferente pola carraxe que produce no espectador o que amosa; polo compromiso cun país golpeado pola represión e polo enorme valor que supuxo para as persoas que por mor da barbarie do golpe militar fascista foron asasinadas ou tiveron que se exiliar. Poder vela por fin na Galiza, aínda que sexa temporalmente, é dunha importancia enorme para quen sentimos este país. 

Que destacaría do lenzo?

Creo que A derradeira leición do mestre transcende a súa propia dimensión artística. Estamos a falar dunha obra ao servizo da legalidade crebada co golpe militar fascista e de todos os avances que se produciron na etapa inmediatamente anterior non só desde o punto de vista político, co recoñecemento de Galiza como nacionalidade histórica, senón tamén no social ou no educativo. O cadro de Castelao simboliza a destrución dun tempo de liberdade e das persoas que o estaban a facer posíbel. Agora que se fala do Pazo de Meirás ou do Val dos Caídos, a importancia desta obra é se cadra aínda maior e de máis actualidade porque homenaxea todos os mártires dun episodio histórico tráxico. Temos que lembrar que aquí non houbo guerra, senón unha represión terríbel da que dá conta e reflicte perfectamente esta obra. 

Como están os trámites para que a casa natal de Castelao pase ao patrimonio público?

Nestes intres o proceso está estancado pola negativa da familia propietaria do inmóbel a negociar. Nesa liña, creo que é a Xunta de Galiza a que ten que capitanear este proceso, pois non estamos a falar dun artista rianxeiro, senón dun galego universal que ten que ser obxecto de especial atención para as institucións galegas. Logo de termos xa aberta a casa de Manuel Antonio e de estar rehabilitando a de Rafael Dieste, poder recuperar a casa natal de Castelao sería moi importante para este concello. É por iso que o feito de que a Xunta se estea inhibindo neste proceso de negociación demostra o pouco apego polos devanceiros que tanto fixeron para entender o país que fomos e que somos.