CARLOS BABÍO, CO AUTOR DE 'MEIRÁS: UN PAZO, UN CAUDILLO, UN ESPOLIO'

"Se unha administración pública repagase o espolio do Pazo de Meirás, colaboraría cos abusos"

"Se unha administración pública repagase o espolio do Pazo de Meirás, colaboraría cos abusos"
[Imaxe: Cedida] Carlos Babío
[Imaxe: Cedida] Carlos Babío  

Ás súas costas, Carlos Babío leva máis de tres décadas de investigación ao redor do espolio do Pazo de Meirás. Un traballo que viu a luz a finais de 2017 coa publicación da obra Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, libro publicado pola Fundación Galiza Sempre que asina co historiador Manuel Pérez. Conversamos con el a raíz do anuncio da posta en venda do inmoble.


Que lectura fas do anuncio da venda do Pazo de Meirás por uns supostos 8 millóns de euros?

Fago dúas lecturas. Por unha banda, o anuncio evidencia a impunidade franquista que aínda existe, é dicir, un paso máis na consideración que teñen os Franco no Estado español. Após 42 anos da morte do ditador, teñen a capacidade de poder facer anuncios como este e de querer seguir facendo caixa con propiedades adquiridas mediante ameazas, extorsións e procesos corruptos da Administración franquista.

"Insisto no do custo cero porque a adquisición do pazo por Franco foi consecuencia dos abusos e dun proceso irregular"

Por outra banda, a familia Franco pon á venda o pazo nun momento en que existe un clamor social contra o mantemento deses privilexios e abusos dos descendentes do ditador. Ese clamor social tamén reclama que o Pazo de Meirás volva ás mans do pobo e saltou ao plano institucional con numerosos concellos do país que resolveron iniciativas a través das que demandan a devolución e, sobre todo, co papel da Deputación da Coruña, que impulsou a creación da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, cuxo fin é reverter este ben ao patrimonio público a custo cero. Insisto no do custo cero porque a adquisición do pazo por Franco foi consecuencia dos abusos e dun proceso irregular.  

É neste contexto cando fan este anuncio, que resulta escandaloso. Corenta e dous anos após seguimos no debate de se os Franco teñen dereito a especular con bens dun botín de guerra adquiridos nun contexto de xenocidio.

Na túa opinión, como unha das persoas que máis investigou todo o que rodea o Pazo de Meirás, que papel debería desenvolver a Xunta de Galiza?

A Xunta de Galiza ten que poñerse ao lado da loita contra a impunidade, é dicir, desde o inicio da Transición seguiuse no camiño do atado e ben atado. Durante os 37 anos que pasou en Meirás, Franco atou os privilexios e os espolios do réxime e coa toma de posesión do seu sucesor na Xefatura do Estado, Juan Carlos de Borbón, nese proceso mal chamado de transición modélica, continuouse no atado e ben atado. O que hai que facer é desatar o atado de Franco.

"A Xunta non debe facer uso do dereito de tanteo e retracto que, por certo, solicita indecentemente o alcalde de Sada"

En consecuencia, o ordenamento xurídico español, dunha vez, debe camiñar no que manda o ordenamento xurídico internacional e no que ditan o sentido común e a decencia. E ese é o camiño que debe seguir a Xunta. En ningún momento debe facer uso do dereito de tanteo e retracto que, por certo, se solicita indecentemente desde o Concello de Sada e iso é meter directamente 8 millóns de euros no peto dos Franco.

Isto significa que os Franco volverían lucrarse, desta vez con 8 millóns de euros públicos.

O alcalde de Sada [Sada Maioría], Benito Portela, onte nun programa de televisión [Más Vale Tarde, de La Sexta] e mesmo na nota de prensa que emite o concelleiro de Urbanismo [Sada Maioría], de xeito máis disimulado, formula ese dereito de tanteo e retracto, que implica que a Xunta, ante a formulación da venda dun particular, ten dereito preferente de compra sobre o prezo pactado e neste momento os Franco piden 8 millóns. Se o Concello de Sada pretende que a Xunta exerza ese dereito de tanteo e retracto, o que lle está dicindo é que lle pague aos Franco 8 millóns polo Pazo de Meirás e iso é camiñar na total impunidade sen capacidade xa de resolución do problema. Que unha administración pública acabe repagando un espolio xa nos sitúa non só no plano da impunidade, senón en colaboradores dos abusos.

E niso está de acordo todo o goberno municipal [Sada Maioría, PSOE e BNG]?

O BNG desmárcase desa posición do alcalde porque, historicamente, reivindica a devolución gratuíta.

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, anunciaba mediante unha nota de prensa que as présas da familia Franco veñen motivadas polo avance no informe xurídico da Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás que avalaría a devolución de balde.

Ti hoxe en día preguntas na rúa que ten que pasar co pazo e diranche que os Franco deben devolvelo e a administración que tirou do carro diso foi a Deputación da Coruña ao crear a Xunta Pro Devolución, que acordou traballar en varias liñas: a principal, facer un informe histórico e xurídico que permita facer a estratexia de devolución do Pazo de Meirás e niso lévase traballando meses. En breve, convocarase a Xunta para dar a coñecer eses informes. Ademais, trabállase na divulgación do espolio e vai estrearse un documentario sobre o proceso de adquisición.

"Os Franco manteñen a impunidade desde hai 42 anos e neses 42 anos fíxose unha arquitectura xurídico política que ampara todos os privilexios e honras"

Consideras que vai ser posíbel a devolución, sen custo económico ningún, para Galiza?

Os Franco manteñen a impunidade desde hai 42 anos e neses 42 anos fíxose unha arquitectura xurídico política que ampara todos os privilexios e honras concedidas aos Franco e, polo tanto, temos que facer o camiño á inversa. Iso non se fai nun día nin hai fórmulas máxicas. Hai que ir adaptando o Estado español a un Estado democrático normalizado e o Pazo de Meirás é un símbolo nesa normalidade democrática. O pazo segue utilizándose como referencia do franquismo sen Franco.

A única solución é camiñar na normalidade democrática e que o ordenamento xurídico político español se adapte á normalidade democrática. Mentres teñamos leis que impidan a devolución do Pazo de Meirás non vai existir normalidade democrática. O resto son lumes de artificio e postureos políticos. É necesario desmontar esa lei de punto final e de vergoña, que é a Lei de Aministía, modificar o Código Civil e o Penal, así como a Lei de Patrimonio do Estado, e dotarnos dunha Lei de Memoria Histórica que sirva, realmente, para acabar coa impunidade. Hai que camiñar por aí e niso é no que está traballando a Deputación. Se a xustiza non prevé a devolución do pazo, temos un problema como sociedade e para iso están o poder lexislativo e a política.

"Hai que ir adaptando o Estado español a un Estado democrático normalizado e o Pazo de Meirás é un símbolo nesa normalidade democrática"

Atendendo aos antecedentes, cal cres que vai ser o posicionamento do PP diante deste anuncio?

O PP pasou de ser o partido que amparou Franco e o seu réxime, e con isto tamén o espolio do Pazo de Meirás, e logo de 42 anos de negar o espolio do pazo pasou a modificar o discurso. Feijóo, lembremos, chega a dicir que o pazo xa o pagamos todos no seu día e iso é unha novidade. É unha novidade no PP porque detectou que é imposíbel continuar coa mentira ao redor do Pazo de Meirás. E é que socialmente xa ninguén mantén que foi un agasallo, sabemos que foi un botín de guerra nun contexto de xenocidio.

"O PP detectou que é imposíbel continuar coa mentira ao redor do Pazo de Meirás"

Obrigado pola sociedade, o PP modificou en parte o discurso ao redor disto. Neste contexto, temos que facerlle entender á dereita española que é necesario normalizar a democracia, que está sen normalizar. Non podemos seguir mantendo mortos na cuneta nin 9 hectáreas de espolio en Meirás, nin seguir facendo apoloxía do fascismo como se fose algo normal.

Estades percorrendo Galiza coas presentacións do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio. Como está a ser a acollida?

Estamos gratamente sorprendidos non só polas vendas, senón polo grao de demanda de actos de presentación en todo o país. A xente que acude aos actos quere coñecer todos os aspectos do proceso, como se iniciou, que trámites internos houbo… quere coñecer algo que estaba tapado e moi ben tapado.