A ONU, DESBORDADA POLAS DENUNCIAS

Tres cascos azuis implicados en violacións na República Centroafricana

Tres cascos azuis implicados en violacións na República Centroafricana
[Imaxe: Hdptcar] República Centroafricana
[Imaxe: Hdptcar] República Centroafricana  

A Misión da ONU para a Estabilización na República Centroafricana (MINUSCA) volve ser noticia por tres casos de violación, incluída a dunha menor de idade. Estarían implicados en nos casos de abusos sexuais tres membros dos cascos azuis cuxa nacionalidade se descoñece.


Tres "cascos azuis" están implicados en recentes violacións, unha delas a dunha menor de idade, na República Centroafricana. Estes novos casos coñécense despois da destitución de Babacar Gaye, o xefe da ONU no país, logo das denuncias de abusos sexuais cometidos por membros deste continxente, que está integrado por unhas 10.000 persoas.

Ás tres violacións denunciadas súmase o asasinato indiscriminado de dous civís, segundo advirte Amnistía Internacional, que entrevistou 15 testemuñas despois dos incidentes. A ONG responsabiliza a ONU por non responder de maneira axeitada ás denuncias de abusos sexuais por parte das forzas militares internacionais na República Centroafricana.

Precisamente, a cantidade de denuncias sobre violacións levou o secretario xeral da ONU, Ban Ki-moon, a crear un Grupo de Revisión Independente Externo para examinar a tramitación das denuncias de abusos sexuais.

A principios de xullo coñecíase un escándalo destas características en Bangui, onde un grupo de militares franceses foi acusado de cometer violacións.

A República Democrática do Congo, "capital mundial da violación"

A “capital mundial da violación” segue a ser a República Democrática do Congo. Segundo un estudo publicado pola Revista Panamericana de Saúde, neste país rexístranse, cada hora, un total de 48 violacións perpetradas tanto por civís como por militares. As mulleres na República Democrática do Congo son tratadas como arma de guerra, feito que, segundo os expertos, se debe á ausencia de sancións efectivas.

Na reportaxe “Vidas violadas”, o fotógrafo francés Dubourthoumieu Gwenn dálles voz e ponlles rostro ás mulleres vítimas de violacións. Son as mulleres que, fronte as que se refuxian no silencio, reivindican os seus dereitos, e reclaman ser integradas na súa comunidade.