ELECCIÓNS

Grecia: o partido nazi advirte ao colectivo homosexual: ''despois [email protected] migrantes seredes @s seguintes''


Grecia: o partido nazi advirte ao colectivo homosexual: ''despois [email protected] migrantes seredes @s seguintes''
Os 21 escanos que a organización xenófoba Amencer Dourado obtivo nos comicios parlamentares deixan claro que o discurso de racismo e homofobia do seu líder, Nikos Mijaloliakos, atopou na crise o caldo de cultivo perfecto

O partido neonazi grego Amencer Dourado continúa a súa campaña radical mentres a posibilidade de repetir os comicios parlamentares está cada vez máis perto de se facer realidade. Así, nesta fin de semana, o partido de Nikos Mijaloliakos, un exoficial do Exército de 55 anos, dedicouse a lanzar panfletos homófobos no barrio ateniense de Gazi, coñecida zona frecuentada pola comunidade homosexual, segundo informa a imprensa grega.

'Despois dos inmigrantes, sodes os seguintes', ameaza o texto impreso nas follas voandeiras, que levaba o logotipo de Amencer Dourado. Nos comicios do seis de maio, o partido ultradereitista obtivo 21 escanos no Parlamento, co apoio de case o 7% dos votantes. Unha marca que evidencia un ascenso da xenofobia no país heleno, amparando un discurso racista e homófobo que callou especialmente ben nun escenario de crise económica.

A Rede para o Rexistro de Incidentes Racistas, en que toman parte Amnistía Internacional e Acnur --o alto comisioinado das Nacións Unidas para as persoas refuxiadas-- entre outras organizacións non gobernamentais, denunciaron xa en marzo o incremento dos ataques racistas, e criticaron a falta de acción do Goberno grego.

Entre outubro e decembro do 2011, os datos máis recentes de que dispuñan, contaron un total de 64 agresións a persoas migrantes, destacando a tendencia á violencia en grupo co uso de armas improvisadas "mais potencialmente letais". Do mesmo xeito, sinalan que deses casos, até 18 son de violencia policial contra estas persoas, cometidos nas propias comisarías.