Ante a hipótese dunha derrota no Congreso, Obama dá o seu apoio á proposta rusa sobre o armamento químico de Siria

Ante a hipótese dunha derrota no Congreso, Obama dá o seu apoio á proposta rusa sobre o armamento químico de Siria
Putin e Obama
Putin e Obama  

Cun xiro con respecto ás posicións mantidas até agora,o presidente dos EUA manifestouse a favor de apoiar a proposta rusa de abandonar o ataque militar se Siria pon as súas armas químicas baixo control internacional. A hipótese dunha derrota no Congreso que abriría unha crise sen precedente nos EUA estaría na orixe do cambio de posición de Barack Obama. 


O Senado aprazou xa a votación sobre o ataque a Siria que estaba previsto para esta cuarta feira, unha vez Obama fixo pública a súa vontade de considerar a proposta de Putin de abandoar o ataque militar se Siria puña baixo control da comunidade internacional as súas armas químicas. 

Nunha xornada na que Obama se multiplicou nos medios de comunicación, nunha campaña de promoción da opinión pública sen precedentes, o presidente defendeu por vez primeira diante da CNN a súa preferencia por unha saída “sen recorrer ao uso da forza”. Sen embargo, non deixou de sementar dúbidas sobre a posíbel materialización da proposta rusa e as dificultades de comprobación de que Siria entregara o conxunto do seu armamento químico. 

Como “potencialmente positiva” cualificou Obama a proposta rusa, malia ter defendido até agora a necesaria resposta militar ao presunto ataque con armas químicas do pasado 21 de agosto do que se acusa ao goberno de Asad.