O POBO SAHARAUÍ LEMBRA "O MASACRE"

Sáhara: un pobo esquecido 40 anos após a Marcha Verde

Sáhara: un pobo esquecido 40 anos após a Marcha Verde
[Imaxe: Flickr, United Nations Photo] Mulleres nos campos de refuxiados do Sáhara
[Imaxe: Flickr, United Nations Photo] Mulleres nos campos de refuxiados do Sáhara  

Mentres Marrocos celebraba esta sexta feira, 6 de novembro, o 40 aniversario da Marcha Verde, a invasión do Sáhara Occidental.


Milleiros de bandeiras marroquís ondean estes días nas rúas principais do Aaiún, no Sáhara ocupado, a onde se desprazou Mohammed VI, rei de Marrocos, cuxa cara figura en numerosas fotografías que visten edificios da cidade. Para conmemorar o 40 aniversario da Marcha Verde, a invasión do Sáhara Occidental, Marrocos non escatimou gastos e, no seu afán propagandístico e populista, mesmo fichou Maradona para participar nun partido de fútbol organizado pola Federación marroquí, un evento que causou unha forte contestación nas redes sociais contra a estrela arxentina, á que acusan de prestarse a celebrar a opresión ao pobo saharauí.

Mentres Marrocos festexa os 40 anos da ocupación, o pobo saharauí, abandonado na hamada da Alxeria, non esquece. Estes días, lembra como tivo que fuxir dos bombardeos, co xusto entre as mans, para salvar a súa vida. Uns ficaron no camiño. Outros aínda teñen cicatrices das feridas. As que máis doen son as feridas do corazón. Aínda así, os e as saharauís levan 40 anos resistindo nos campamentos de refuxiados perante a indiferenza da comunidade internacional e da complicidade dos países aliñados con Marrocos. “Para nós, o 6 de novembro non é unha data de celebración. É a data dun masacre”, sinala en declaracións a Sermos Galiza Keltum Larossi, activista saharauí. “O único bo deste 40 aniversario da invasión de Marrocos é o anuncio de Mohamed VI, que accedería a un indulto aos 23 presos do campamento de Agdaym Izik, onde tiveron lugar os protestos de 2010. Algún deles está condenado a cadea perpetua”, apunta.

Keltum, activista saharauí: “Pecharon a fronteira de Tánger e non permiten entrar ninguén con carné de identidade que indique que naceu no Sáhara Occidental, por moita nacionalidade española que teña”

Segundo fontes independentistas do Sáhara ocupado, o rei de Marrocos pasou a sexta feira, 6 de novembro, no Aaiún. “A estas horas do sábado, os medios aínda non informan de que estivo no Aaiún porque hai un secretismo absoluto. Tratan de garantir ao máximo a súa seguridade e, de feito, cando visita o Aaiún faino sen anuncios previos e nunca pasa a noite alí”, afirma Keltum Laroussi, quen denuncia que estes días “está todo fechado a cal e canto”. “Pecharon a fronteira de Tánger e non permiten entrar ninguén con carné de identidade que indique que naceu no Sáhara Occidental, por moita nacionalidade española que teña”, afirma. Cóntanos seu pai, Laroussi, viaxou até Algeciras para se desprazar ao Sáhara ocupado co fin de asistir á voda do seu fillo mais non puido entrar en territorio marroquí.

Máis un inimigo contra o pobo saharauí: as chuvias de outubro

Se non chegaba con sobrevivir no deserto da Alxeria, o pobo saharauí atopou máis un inimigo a mediados do mes de outubro: as chuvias torrenciais. “Nunca, en 40 anos víramos chover así”, repiten os e as saharauís estas semanas entre os milleiros de haimas e casas de adobe feitas barro. Boa parte dos 168.000 persoas que sobreviven no deserto de Tindouf perderon as súas poucas pertenzas.

 A Media Lúa Vermella (que chama a facer doazóns na conta ES84-0081-0655-63-000135140) aínda non puido cuantificar as perdas. Así, mentres Marrocos celebra os 40 anos da invasión, o pobo saharauí, axudado pola comisión de emerxencia formada polas ONGD, trata de facerlle fronte á desfeita provocada polo temporal, que azoutou de maneira significativa os campamentos de Dajla e Auserd.

Un referendo que non chega

A ONU tratou de mediar no conflito en 1991, cando a República Árabe Saharauí Democrática (RASD) e Marrocos declararon o alto o fogo. Desde entón, as Nacións Unidas comprometéronse a convocar un referendo no que se decidiría se o Sáhara proclamaba a súa independencia ou se se incorporaba a Marrocos. A ONU prevía ter o censo nunhas poucas semanas, mais as continuas trabas de Marrocos ao proceso provocou que o censo concluíra 8 anos após. Unha vez publicado pola ONU, Marrocos non recoñeceu os datos recollidos.

Mohamed VI incentiva a mudanza de persoas ao Sáhara ocupado para tratar de rexistrar unha vitoria no caso do hipotético referendo

Na última década, Mohamed VI incentiva a mudanza de persoas ao Sáhara ocupado para tratar de rexistrar unha vitoria no caso do hipotético referendo. De feito, o Estado marroquí axuda os sectores máis desfavorecidos da sociedade para que se despracen ao Aaiún cun subsidio e con bonificacións fiscais. A intención de Marrocos pasa por que vote toda a cidadanía que nacera e se criara no Sáhara ocupado e o Fronte Polisario quere que voten as persoas realmente orixinarias do Sáhara Occidental.

O papel das Nacións Unidas, segundo lamentan activistas saharauís, segue a ser de simple espectadora, pois denuncian que exclúe o control para que Marrocos respecte os dereitos humanos no territorio ocupado. “A ONU recoñece o noso dereito de autodeterminación, pero non fai nada. É un cero á esquerda, nin controla nin observa nada”, sinalan.

As cifras do conflito

168.000 saharauís viven nos campamentos de refuxiados, chamados Smara, Auserd, Dajla e o Aaiún. Entre os campamentos ou wilayas hai entre uns 20-60 km de distancia, agás Dajla, que fica a 200 km do resto. Cada wilaya divídase nas dahiras, pequenos grupos de poboación que tamén reciben o nome dos municipios dos territorios ocupados.

Unhas 150.000 persoas saharauís viven na parte do Sáhara Occidental baixo ocupación marroquí. Centos de activistas foron detidos e torturados por autoridades marroquís.

Agora viven no Aaiún 240.000 persoas, segundo datos do Goberno marroquí. De estas, tan só 80.000 naceron no Sáhara Ocupado, segundo as organizacións independentistas.

O muro que protexe Marrocos para evitar a volta das persoas refuxiadas ao Sáhara ocupado ten unha lonxitude superior aos 2.720 km. Posúe búnkeres, valados de espiños e campos de minas antipersoa.

[No número 168 de Sermos Galiza, publicamos o A Fondo "Sáhara, 40 anos de invasión e espolio. Á venda na nosa loxa]