"Maria Fumaça" bota a andar con música e alegría

"Maria Fumaça" bota a andar con música e alegría
Maria Fumaça só dá opción para cantar, bailar e ser feliz. É o anuncio que promete o novo proxecto en que Uxía xunto con Magín Blanco, Isaac Palacín, Carlos Blanco ou Tanxarina Teatro alén dun feixe de artistas máis, partillan a alegría coa cativada.


María Fumaça é unha locomotora a vapor que atravesa as terras do Brasil. Arredor dela vai a ilusión e a alegría. Agora deixase ver por terras galegas co proxecto musical que botou a andar Uxía nunha completísima parcería, en primeiro lugar coa súa propia familia, o sobriño Rui e máis o clan Domínguez Senlle, ademais dunha boa parte do grupo de artistas que compartiron nalgunha ocasión escenario con ela. Sergio Tannus, Magín Blanco, Tanxarina ou Carlos Blanco son algúns dos nomes que toman parte neste espectacular cartel deste proxecto literario e musical que publica Galaxia. 

“Cantar e bailar para ser máis feliz” é o lema desta iniciativa que recolle temas musicais, un conxunto de clips máis textos que se adubían coas extraordinarias imaxes de Pablo Pastor, autor que vén de publicar o libro de aniversario de Titiricircus e cada ano crea os marabillosos carteis do Festival de Títeres de Redondela.

O proxecto xira arredor dun neno, o Rui que cada ano recibe na familia Senlle un CD con músicas especialmente creadas para el polo nadal. Nesta ocasión comparten a ofrenda con [email protected] que se animen a bailar, cantar e ser máis felices coa música.



x