Carballo abre a semana dedicada ao libro e a lectura

Carballo abre a semana dedicada ao libro e a lectura
Semana do libro de Carballo
Semana do libro de Carballo  
Quen non pase por debaixo dunha escada ou ande tremando os martes e 13 está de festa dos días 6 ao 11 de maio en Carballo xa que a VII Semana do Libro e a Lectura ten á superstición como tema desta edición. Máis de 1200 nenos e nenas participarán das actividades.

Co fin de achegar a poboación máis nova aos libros e á lectura chega a sétima edición deste programa organizado pola AS-PG que se articula entre actividades de mañá orientadas aos centros de ensino de 9.30 a 14 horas e espectáculos de teatro, poesía e contacontos para o público xeral que terán lugar de 18 a 20 horas no Pazo da Cultura.
Na inauguración que terá lugar o domingo día 6 ás 12.30 os protagonistas do espectáculo serán os nenos e nenas dos centros de ensino de Carballo, cos que a AS-PG traballa directamente na organización do programa. Concertados con eles celebraranse os obradoiros das sesión de mañá que achegarán ás crianzas aos monicreques con Boabab Teatro, á ilustración con Pepe Carreiro, brillante autor d´os Bolechas, ou á ciencia da man de Teatro do Miolo.

Con Carballo con Botas, un trasniño ensinaralles a achegarse con frautas de faia ou buxo aos sons do bosque e para os que lles guste andar coas mans na masa, Ouvirmos aprenderalles as primeiras licións de cociña. Con Marta visitarán os contos contados e co apoio de Tinta de Lura rematarán un conto de Ánxel Fole e co de Antía Otero quen sabe se aparecerán novos nomes para a nosa poesía. Son algunhas das actividades do programa dedicado aos centros de ensino que, nesta edición, implicará nos libros e a lectura a máis de 1200 rapaces e rapazas, unha cifra que supera as expectativas da organización e é a maior de todas as edicións celebradas ata agora.  

O programa aberto ao público terá lugar todos os días ás 18.30 con espectáculos como Contos do Azar de Boabab Teatro, Orgullo, o espírito dos bosques, de Teatro do Miolo, Pequena, de Talía Teatro, Contos Nómadas, de Eva Cabo e O Aviador de Elefante Elegante Teatro. Complétase con varias exposicións de libros, de materiais do alumnado e a de ilustración galega, Habelos, hainos  da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración). 



x