OQO E O SEU MODELO 360º

Libros para ver na tele


Libros para ver na tele
Con letra e imaxe a historia está contada. E se con iso se contrúe un libro, son tamén os elementos para un curta de animación. A editorial Oqo alédase do éxito da súa dimensión audiovisual. Para ver os seus filmes, abonda entrar na web da TVG.

 

"En Oqo consideramos que o libro non tiña que rematar en si mesmo senón que podía ser punto de partida dunha película de animación” comenta Marcos López, responsábel da área de animación da editorial e ledo co recoñecemento internacional que están a ter as dúas series por eles producidas.

"A primeira entrada no mundo do audiovisual produciuse con Os contos do camiño, 26 capítulos de 10 minutos cada un que, como a propia orixe dos contos, estaban dirixidos por persoas de diversas procedencias, de case medio mundo. A orixe estaba nos álbums ilustrados da editorial e á fronte de cada capítulo situáronse nomeados animadores como o mexicano Luis Téllez, o arxentino Ismael Mon, o portugués Carlo Pinto e os galegos Borja Guerrero e Iván Prieto.

De seis minutos de duración fixéronse as curtas dirixidas ás menores idades, baseadas nos álbums Caracois, un acerto editorial para as crianzas de 2 a 4 anos. Os animaliños coas casas a costas son os protagonistas destas aventuras nas que aprender e divertirse van da man.

Na galega


Como facer para ver agora estas animacións? En Finlandia e Arxentina a rapazada viunas nas súas televisións e en Galiza están ao dispor de quen quixer velas. Pódese facer en calquera momento premendo na páxina da CRTVG.

Ademais de valorar a necesidade de dotar á produción cultural para as máis curtas idades de medios audiovisuais, en Oqo entenden tamén esta dimensión como un modelo de actuación empresarial. “Acreditamos neste sistema no que o libro é protagonista e desde aí sae todo o demais, trátase dun modelo de produción de 360º, no que a partir do libro nacen todos os demais produtos” sinala Marcos López.

Con estas dúas series, Oqo foi seleccionada e premiada en diversos festivais internacionais e conseguiu o Premio á Mellor Iniciativa Editorial de Galiza na última edición dos premios da Asociación Galega de Editores. Como último recoñecemento, Oqo acaba de ver seleccionadas tres das súas curtametraxes para a Mostra Internacional de Cine de Animación da Baixa Fluminense en Rio de Janeiro.

A continuar, Oqo ampliarán en 13 capítulos a serie Caracois e botarán a andar unha nova serie a partir dun dos títulos da súa colección, coa idea de continuar na produción de libros para ver na televisión.

 



x