Mama Cabra remata de gravar "Bicos de Música"

Mama Cabra remata de gravar "Bicos de Música"

Son os ghits da xente miúda. Mamá Cabra vén de gravar Bicos de música, un novo traballo con dez temas e dez video-clips para escoitar e bailar. Despois do éxito de Xa me tardan estes Magos, a cativada agarda con ansía o novo disco.



A Editorial Galaxia, selo onde viron a luz os últimos dous traballos de Mamá Cabra, vén de anunciar que os dez temas músicais e dez video-clips que se incluirán en Bicos de Música xa están gravados. O proceso desenvolveuse na pasada semana nos concellos de Teo e Santiago.

Desde que no ano 2000 subiu por vez primeira a un escenario, Mama Cabra comezou a gañar fans entre a rapazada. Cantos Rodados, o primeiro traballo discográfico publicado en 2002. Custou nacer, dado que o grupo non atopou o apoio editorial que agora o acompaña. Agora chegan da man de Galaxia ao seu noveno traballo discográfico nun momento en que enchen cada un dos seus concertos e conseguen que o público cantaruxe os seus temas, repetindo letras que moitos nenos e nenas coñecen de memoria. Espectáculos como Ola, ola, ola!, Xa me tardan estes Magos ou Cantos pequenos conseguen que o público cante e baile canda [email protected]

Despois de Cantos Rodados, sete traballos máis sumáronse a súa discografía. Viría a continuación Cantando Conmigo no ano 2004 para seguir Tan só con leres un libro, un proxecto con fichas, partituras e debuxos para colorear. Con temas de Susa Herrera nace Cartas que veñen e van e no 2008 versionan cancións infantís en Patitán Patatán. Con karaoke chegou Ola, ola, ola! antes de revolucionar o pasado Nadal con Xa me tardan estes Magos. En todos eles un feixe de cancións que son xa verdadeiros ghits da infancia. “A sereíña”, “O polo Pepe”, “Glu, glu, glu” ou “Ola, ola, ola”.

Bicos de música, o seu noveno traballo, saíra publicado despois do verán en Galaxia. Nace cun título que fai referencia a esas cancións agarimosas que tiran os medos da noite. Na entrevista publicada no semanario Sermos Galiza a mediados de xuño, Gloria Mosquera anunciou que estaban dándolle voltas á idea de iren en pixama aos concertos, un divertido atrezzo ao xeito doutros que teñen empregado no escenario. Teñen na cabeza tamén a posibilidade de repartiren bufandas, un elemento futboleiro que, desta volta, identificaría ás persoas seareiras do grupo. 



x